CRTVG

Buscar

Premio á mellor tarefa da comunicación da D.O Ribeiro para 'Labranza' e 'O agro'

Publicado o 06/06/2019 18:25

Os espazos 'Labranza' e 'O agro' da CRTVG acaban de ser galardoados pola Denominación de Orixe Ribeiro co Premio á mellor tarefa da comunicación. Na concesión deste galardón, o Consello Regulador destacou "o esforzo do equipo que dirixe Manuel Cruz por informar tanto das novidades como da situación global do mundo agroalimentario e fai extensible o premio ao conxunto da CRTVG, polo seu servizo".

'Labranza' e 'O agro' son os programas da Televisión de Galicia especializados en información agraria. Con máis de 27 anos de emisión ininterrompida e máis de 1.500 edicións semanais, 'Labranza' é o decano a nivel estatal dos programas sobre o sector. Os seus contidos abranguen a divulgación dos distintos sectores produtivos do agro galego, desde o leite á viticultura, cun especial interese nas iniciativas que buscan revitalizar o medio rural en Galicia. Pola súa parte, 'O agro' é un espazo diario que achega as novas de actualidade nun formato máis breve.

A gala da oitava edición dos Premios da D. O. Ribeiro, en que se recoñecerán os mellores viños brancos e tintos da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia, terá lugar no mosteiro ourensán de San Clodio o próximo 18 de xuño.