CRTVG

Buscar

Unha iniciativa da Universidade de Santiago facilita o reencontro familiar a pacientes covid

Publicado o 16/01/2021 18:29

"Debido á carga asistencial dos hospitais é imposible que as enfermeiras poidan pórnos en contacto cos nosos familiares e iso xera unha desolación e un illamento total na familia e no paciente que se sente abandonado", explica Montse Sánchez-Agustino, coordinadora do proxecto Higea.
Coñecedores desta necesidade, dende a Cátedra de Cronicidade da Universidade de Santiago puxeron en marcha un proxecto que lle permite ao paciente conversar dez minutos diarios cos seus familiares, mediante unha videochamada.

Comezaron de xeito piloto no hospital de Santiago, pero a iniciativa vaise ampliar ao resto dos centros hospitalarios galegos. Vai dirixido a aqueles enfermos que por idade ou polo seu estado teñen máis dificultade para comunicarse cos seus.
"Estou moi contenta, a experiencia non ten nome, todo é gratitude polas familias, polos pacientes e por min. Está sendo un éxito, non o podo expresar con palabras. É emocionante", afirma Sánchez-Agustino.

Colaboran de xeito voluntario unha vintena de alumnos de medicina e enfermería." Recibirán formación tanto de voluntariado como de técnicas de comunicación eficaz", asegura.

A deusa grega da saúde Hixea dálle nome a esta inciativa que coida do benestar emocial dos enfermos de covid-19 e das súas familias.

 

Noticias web

16/01/2021