CRTVG

Buscar

Os edís socialistas de Piñor deixan o partido ao sentirse "traizoados"

Publicado o 18/02/2019 21:13

A renuncia dos catro edís socialistas do concello ourensán de Piñor súmase aos últimos abandonos dentro da formación na provincia, como é o caso do propio ex-secretario xeral Pachi Vázquez, o voceiro no concello do Carballiño ou os cargos socialistas de Maceda.

Os catro edís deixan o grupo municipal do PSdeG en Piñor e pasarán aos non adscritos, Francisco Fraga tamén vai facer o mesmo na Deputación de Ourense. Marchan porque se senten traizoados pola actual dirección provincial que lidera Rafael Rodríguez Villarino. Fraga acúsao de reunirse sen dicirlle nada a el, co alcalde de Piñor que é do PP, coa formación de independentes que apoia o rexedor e tamén, segundo Fraga, de intentar confeccionar ás súas costas a lista de Piñor para as municpais.

"O secretario xeral provincial en compañía de outros, algúns da miña comarca, andaban á procura de xente para a lista de Piñor sen falalo conmigo nin co resto de compañeiros, sendo eu secretario xeral da agrupación, ás miñas costas. Este é o motivo que nos leva a irnos, a perda de confianza, a deslealdade e a traizón por parte dos dirixentes do partido nesta provincia hacia nós", afirma Francisco Fraga, edil do PSdeG en PIñor.

Francisco Fraga, ademais, anuncia que se presentará ás próximas eleccións municipais, pero non concretou en que partido nin descartou facelo coa formación instrumental que estaría preparando o ex-secretario xeral do PSdeG Pachi Vázquez.

Sobre estas renuncias pronunciouse o actual líder dos socialistas galegos. Gonzalo Caballero criticou a quen "escolle primar os intereses persoais por riba dos colectivos".

"Nós somos un partido de goberno con sentido de vocación en que o interese colectivo está enriba de calquera tipo de posición persoal. E se algúns con claves persoais cren que poden facer unha gran traxectoria política, pois estamos convencidos de que neste momento a cidadanía non está pendente desas operación persoais, senón dos grandes tempos da política que neste momento se van dirimir", asegura Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG.

Gonzalo Caballero, engadiu que non cre que estas renuncias lle vaian pasar factura ao partido nas eleccións municpais.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/02/2019