CRTVG

Buscar

Os edís críticos con Jácome denuncian o alcalde á Fiscalía e dimite un deles

Publicado o 28/08/2020 14:37
Os edís críticos con Jácome denuncian o alcalde á Fiscalía e dimite un deles

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, que se puxo á fronte desa cidade co apoio do PP nas últimas eleccións municipais, enfróntase á primeira crise do seu goberno tras ser denunciado por cinco dos seis concelleiros que o acompañan, críticos coa súa xestión personalista. A situación que vive o executivo local de Ourense recruouse despois de que o sector crítico do partido Democracia Ourensana, o que lidera o rexedor Gonzalo Pérez Jácome, trasladase á Fiscalía supostas irregularidades relacionadas coa xestión do primeiro edil, concretamente as vinculadas ás contratacións de asesores. 

Nun escrito asinado polo sector crítico, estes concelleiros cuestionan a xestión económica do grupo municipal tanto no concello como na Deputación provincial de Ourense, onde a formación independente cogoberna. En concreto, acusan o rexedor de realizar unha xestión “de forma persoal e exclusiva” pero tamén “totalmente opaca, decidindo de forma unilateral en que gastar eses recursos, e negándose a render contas, así como a publicar as mesmas nos correspondentes portais públicos de transparencia”. 

A crise no goberno de Ourense transcendeu tras unha reunión privada, aínda que captada polos flashes, mantida polo alcalde cos seus concelleiros, os cales presentaron a mencionada denuncia “por se houbese algunha irregularidade”, tal e como trasladou o portavoz do grupo Miguel Caride. 

 “Máis aló das decisións que este grupo de concelleiros adopte, nestes momentos vemos imprescindible, polo ben da cidade de Ourense, solicitarlle a Pérez Jácome a súa dimisión de alcalde de Ourense e concelleiro desta corporación municipal”, abundan na denuncia. Sobre este particular, o alcalde ourensán amosou súa "sorpresa total” pola denuncia tras asegurar que “90 minutos máis tarde celebrouse unha reunión de Democracia Ourensana, cos cinco concelleiros que entregaron o escrito #nte a Fiscalía para aclarar a situación interna do grupo político”.

Con todo, mostrou a súa tranquilidade: "Son consciente da legalidade de todos os meus actos”, dixo. “Entendo que será unha das moitas denuncias que se fixeron sobre min, que foron arquivadas, se é que chegan a investigarse”, abunda Pérez Jácome, quen á súa vez convidou aos críticos para dimitir. Precisamente, esta mesma mañá, o concelleiro de Cultura, Mario González, foi un dos primeiros en confirmar que deixa o partido por razóns que explicará nunha rolda de prensa que terá lugar este luns. 

Nos últimos comicios locais o PP obtivo sete escanos, tantos como DO; e o PSOE 9 

PSOE, BNG e Cs culpan ao PP da situación.