Os domingos hai callos solidarios na cociña do pazo de Santa Cruz de Mondoi
Para entender o xesto de Antonio hai que partir dunha soa premisa: "Un domingo sen callos non é domingo", explica.
E este domingo non é menos domingo polo feito de estarmos confinados. Por iso Antonio prende os fogóns da súa cociña do pazo de Santa Cruz de Mondoi e prepara setenta racións dos seus callos. Tarda tres días en elaboralos e teñen tanto éxito que non deixa de recibir peticións para que comparta a súa receita. A semana pasada alegraron o padal dos profesionais do hospital da Coruña. Hoxe chegan á mesa das persoas sen fogar que viven no albergue do pavillón de Riazor mentres dure o estado de alarma. "Ante un problema coma este eu, como cociñeiro, tiña que achegar o meu grao de area como puidese e entón eu tiro por aquí".
Cociñando sente que pode ser útil nestes tempos excepcionais que pararon en seco a actividade do seu negocio.
"Entre abril e maio tiña cinco vodas e seis comuñóns, que é unha facturación moi importante porque nós vivimos estacionalmente. A repercusión económica vai ser grande. A ver se podemos aguantar".
Os banquetes terán que esperar, pero Antonio promete que os seus callos non faltarán á cita dominical.