CRTVG

Buscar

Os docentes dun instituto de Lugo fabrican centos de pantallas de protección

Publicado o 26/03/2020 14:58

No Centro Integral de Formación Profesional As Mercedes, en Lugo, suspendéronse as clases, pero non a actividade. Un grupo de docentes decidiu, de maneira altruísta, poñerse mans á obra e improvisar unha cadea de montaxe para fabricar pantallas protectoras de lámina de acetato de maneira rápida e económica.

Joaquín Expósito, director do CIFP As Mercedes de Lugo: "Varios sanitarios chmáronnos para ver se podiamos facer se podiamos facer unhas pantallas que protexesen a cara das salpicaduras. Entón, co material que tiñamos no centro, que son acetatos de encadernación, podiamos facer unha pantalla protectora de maneira simple. Non utilizamos impresión en 3D porque é moi lenta. Levaría unha hora facer cada soporte, que é o tempo que nos leva facer 50 ou 60 pantallas".

Sagrario Sánchez, profesora do CIFP As Mercedes de Lugo: "Sen darnos de conta, empezou a xente a chamarnos por teléfono, a través das redes sociais. Todo o mundo ve que é viable utilizar isto. De feito, son moi cómodas. Se levas a máscara, xa non se ve o bafo que teño agora".

Os profesores traballan en dúas quendas diarias de catro horas na fabricación das pantallas, a un ritmo superior ás 300 unidades diarias. Fóronas entregando tanto aos centros de saúde como ás residencias de maiores.

Joaquín Expósito, director do CIFP As Mercedes de Lugo: "Facemos grupos de catro ou cinco persoas. Temos dous grupos, cunha pequena cadea de fabricación. Cada un ocúpase das súas tarefas, e entón fanse moi rápido, moi ben, e con catro persoas por quenda son suficientes".

Sagrario Sánchez, profesora do CIFP As Mercedes de Lugo: "Para as residencias, repartimos para a provincia. Logo, na cidade procuramos proporcionárllas a todo o que nolas pide. En varios, ambulatorios, chmáronnos as coordinadoras de enfermería, médicos. Estamos intentando entregalas no tempo que podemos. De feito, abráianse ás veces coa rapidez".

Feitas con acetato de encadernación, parafusos e gomas, as pantallas son lavables e reciclables.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/03/2020