CRTVG

Buscar

Os disturbios regresan a París pola reforma das pensións, con quince detidos

Publicado o 18/01/2020 21:23

O lume das protestas volve ás rúas de París esta fin de semana ante a vixilancia dos xendarmes, que tiveron hoxe un día complicado fronte aos ánimos acendidos dos chalecos amarelos. Logo os camións da policía tentaron dispersar os piquetes coa forza da auga.

A Prefectura francesa referiuse a unha intervención dos axentes para evitar que se formen o que denominan blocs ou bloques de radicais.

Nos ánimos dos concentrados pesaban as quince detencións realizadas hoxe polos axentes policiais entre os que participaban nunha manifestación, que foi outra demostración de forza dos chalecos amarelos.

A marcha autorizada desta sábado partiu pola mañá da porta de Champerret, situada no extremo noroeste de París, e atravesou unha parte da cidade ata o sur. Unha vez máis, o presidente Macron estivo na diana dos berros de protesta, entre reclamaciós para que retire a reforma das pensións.

Onte á noite, decenas de manifestantes tentaran entrar nun teatro parisino no que Macron asistía a unha representación e hoxe, como contraste, asistimos a un concerto na rúa en vez de no Teatro Nacional da Ópera. A orquestra e os coros desta institución queixábanse así da reforma das pensións, que lles atinxe particularmente, xa que eles son beneficiarios dun sistema de xubilación especial que se remonta a séculos atrás.

Noticias web

18/01/2020