CRTVG

Buscar

Os demócratas acusan a Trump de abuso de poder e obstrución ao Congreso

Publicado o 10/12/2019 16:17

Dous meses despois de iniciar a investigación, os demócratas presentan a súa acusación formal contra Donald Trump. Queren que o Parlamento dos Estados Unidos xulgue o seu presidente por abuso de poder e obstrución ao Congreso. O primeiro cargo ten que ver cunha suposta chantaxe ao Goberno ucraíno: segundo os demócratas, Trump esixiulle ao presidente ucraíno, Vladimir Zerenski, que abrise unha investigación por corrupción contra Hunter Biden, o fillo do aspirante demócrata Joe Biden, e antigo directivo dunha empresa gasista do país europeo. Segundo o mesmo relato, para forzalo, Trump conxelou a axuda militar a Ucraína e ofreceulle ademais unha invitación ao seu presidente á Casa Branca.

Jerry Nadler, presidente do Comité Xudicial do Congreso dos EUA, declarou: "O noso presidente ostenta a maior confianza pública. Cando traizoa esa confianza e se pon por diante do país, pon en perigo a nosa Constitución, pon en perigo a nosa democracia e a nosa seguridade nacional".

O segundo cargo ten que ver coa prohibición aos funcionarios da Casa Branca de testificar na investigación. O Congreso votará os dous cargos nos vindeiros días. A maioría demócrata fará que, previsiblemente, siga adiante. No Senado será distinto. A destitución esixe unha maioría de dous terzos: sería preciso que 20 senadores republicanos cambiasen de bando para que Trump se convertese no primeiro presidente norteamericano cesado.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/12/2019