CRTVG

Buscar

Os contaxios e mortes en España multiplican por dez as cifras da pandemia en xuño

Publicado o 23/08/2020 14:50

Agosto está sendo un mes con malas novas en España por mor duns contaxios en expansión crecente. No mes de xuño diagnosticábanse cada día entre 400 e 600 positivos e esta semana superamos a soleira dos seis mil diarios. Tamén medra exponencialmente o número de falecementos. Hai un mes eran entre 10 e 15 cada sete días e agora pasan dos 150 semanais.

Cataluña segue ofecendo os seus datos sen interrupcións. Os facilitados hoxe son 1.168 novos positivos en 24 horas e 16 falecidos. Nesta comunidade preto de 13.000 persoas perderon a vida dede o inicio da pandemia. Aragón, Cataluña, Madrid, Baleares e Navarra son as que contan nestes momentos con peores cifras, pero Andalucía comunicaba hoxe que ten 267 hospitalizados, case cen máis ca o domingo pasado. Iso dá conta dunha expansión bastante xeneralizada.

En medio deste panorama, non faltan os que protestan polas medidas restritivas do Goberno e das comunidades. É o caso dos hostaleiros de Benidorm, que hoxe protagonizaban unha manifestación. Isto é o que opinan algúns representantes do sector: "Estamos vivindo con esta situación sanitaria, pero cun montón de decisións que se tomaron de forma errónea e estase sufrindo moito"."Os peches de bares de ocio e pubs e, sobre todo, o tema dos horarios prexudicounos bastante". "Eramos uns 1.500 bares, restaurantes e cafeterías en Benidorm. Agora mesmo digamos que estamos o 60 % dos que estabamos e non sei cantos imos ser a finais de ano".

Benidorm é un exemplo das dificutades para conciliar a preservación da saúde e a pervivencia do sector hostaleiro.

Non lonxe de alí, en Castelló, o hospital provincial cancelaba desde hoxe todas as operacións polo positivo de sete sanitarios dos quirófanos. Á marxe destes gromos concretos, hai estudos que prognostican unha nova saturación hospitalaria en varias comunidades entre finais de setembro e a primeira quincena de outubro se non se reduce a progresión dos contaxios.

Noticias web

23/08/2020