CRTVG

Buscar

Os contaxios dispáranse de novo en Italia, especialmente na Lombardía

Publicado o 26/03/2020 18:20
O número de mortos en Italia co coronavirus alcanzou hoxe os 8.165, ao rexistrarse 662 as últimas 24 horas, unha cifra inferior aos dous días anteriores. Con todo os casos positivos volveron crecer despois de tres días de descenso e actualmente son 62.013, despois de rexistrarse 4.492 en só un día, segundo os datos ofrecidos hoxe por Protección Civil. O novo aumento no número de contaxios diarios débese especialmente á Lombardía, a rexión máis afectada, onde nas últimas 24 horas aumentaron en máis de 2.500.
Cifran en mil os falecidos nos EUA
Tras Italia preocupa a evolución da pandemia nos Estados Unidos. Conta case 70.000 contaxios e un milleiro de mortos. Nova York segue a ser o estado máis afectado. Hai cola para facer as probas. Dez estados xa decretaron o confinamento dos cidadáns. 
A Organización Mundial da Saúde advirte do risco de levantar este tipo de medidas demasiado cedo porque pode ser fatal para frear a propagación do coronavirus
A China pecha as fronteiras aos estranxeiros
A China prohibirá temporalmente a entrada de estranxeiros no país, aínda que teñan visados e permisos de residencia en vigor, como medida de urxencia para frear a propagación do coronavirus, informou este xoves o Ministerio de Asuntos Exteriores nun comunicado. "En vista da rápida propagación da COVID-19 en todo o mundo, A China suspenderá temporalmente a entrada no país de cidadáns estranxeiros con visas ou permisos de residencia válidos no momento deste anuncio. A medida entra en vigor ás 12 da noite do 28 de marzo", sinala o comunicado.
Francia traslada os doentes graves

En Europa tamén segue propagándose o virus. Francia mobilizou un tren de alta velocidade para trasladar doentes a hospitais menos saturados. O país rexistra 1.300 mortes, pero só conta os falecidos en hospitais.

En Alemaña hai 37.000 contaxiados pero os mortos non chegan a 200 debido a que non contabilizan os que tiñan outras patoloxías previas.