CRTVG

Buscar

Os comerciantes dos Mallos, na Coruña, piden máis policía ante a proliferación de roubos

Publicado o 17/11/2020 14:03

Na Coruña, os comerciantes do barrio dos Mallos piden maior control policial ante a proliferación de roubos en comercios da zona. Un dos episodios máis graves aconteceu nunha tenda de conxelados da avenida dos Mallos.

"A empregada contoume que antes do peche entrou un home e que levou a caixa rexistradora. Fóra chocou contra unha clienta e desfíxolle a cara", di unha clienta.

A muller recibiu 12 puntos de sutura. O delincuente foi detido pola Policía Nacional no barrio do Ventorrillo.

Roubaron tamén no garaxe público da rolda do Outeiro, tres veces en menos de quince días.

"Foron directos aos taxis. Romperon as fiestras e apenas levaron nada", explica José Salgado, o xerente do garaxe.

Samanta tamén recibiu unha ingrata visita.

"Entrou unha rapaza e intentou marchar co caixón dos cartos. Collina cando tiña un pé dentro e outro fóra...".

Por todo isto, no barrio din sentir medo e inseguridade.

"Aquí hai moitos roubos e estamos inseguros. Debería haber máis policía tanto de uniforme como de paisano", comenta un comerciante.

Cren que con máis presenza policial reduciríanse os delitos e poderían vivir máis tranquilos.

Noticias web

17/11/2020