CRTVG

Buscar

Os colectivos veciñais de Lugo reclaman que se axilice o repintado dos pasos de peóns

Publicado o 16/07/2020 13:12

A pintura de moitos dos pasos de peóns de Lugo está tan desgastada que apenas se adiviña a súa existencia. Dende a Federación de Asociacións de Veciños Lucus Augusti denuncian que a falta de pintura na sinalización horizontal supón un perigo para os viandantes.

Fernando Rois, voceiro da Federación de Asociación de Veciños Lucus Augusti: "Levamos moito tempo advertindo de que os pasos de peóns non están marcados, esvárase neles e son unha desgraza nesta cidade. Levamos moitísimos anos sen investir nada na sinalización horizontal".

"Mira como están. E anda moita xente maior camiñando por aquí. E mira as beirarrúas como están. Así todo, cos pasos de peóns por pintar, e por toda a rúa igual", sinala un veciño.

Os colectivos veciñais da cidade demandan, por tanto, que o Concello acelere o repintado dos pasos de peóns, que levaba anos sen realizarse.

Dende a Área de Mobilidade destacan que as obras xa foron adxudicadas a varias empresas, que van traballar ao mesmo tempo para axilizar a mellora da sinalización horizontal.

De feito, nas rúas próximas aos centros educativos xa comezaron os traballos, como é o caso dos barrios da Piringalla ou de Paradai.

"Estaban todos tan estropeados que nin se sabía por onde se había pasar. Agora, polo menos sábese por onde hai que pasar, porque en moitos sitios non se coñecía para nada", destaca unha veciña.

Fernando Rois di que "todas as rúas están igual. Podemos comprobalo aquí un cacho ou ir a outra rúa. E smepre nos prometen que se vai facer, que xa se vai iniciar, pero vemos que no verán non se está iniciando e que no inverno non se vai pintar. Co cal, imos seguir un ano máis coa sinalización horixontal no estado calamitoso en que está? Por iso dicimos, dende a Federación de AAVV, que é en toda a cidade, non nunha soa zona. Por tanto, pedimos que se empece a pintar agora polo verán para que realmente comecemos a ter unha cidade digna dos lucenses".

Segundo o Concello de Lugo, nos meses vindeiros vaise repintar toda a cidade, incluídos os lombos alí onde son necesarios, ademais dunhas prazas máis grandes para persoas con mobilidade reducida e mais os pasos de peóns.

Noticias web

16/07/2020

Máis sobre Lugo