CRTVG

Buscar

Os cinco atrancos das negociacións do Cumio do Clima

Publicado o 09/12/2019 12:39

As negociacións no Cumio do Clima en Madrid ou COP25 para avanzar na loita contra a crise climática alcanzarán o seu punto álxido esta semana coa chegada dos ministros de Medio Ambiente.

No marco da fase final deste foro mundial, os principais atrancos son os seguintes:

Como articular os mercados de carbono a nivel global

Os mercados de carbono son a principal ferramenta dos países para reducir os gases de efecto invernadoiro na loita contra a crise climática.

Baséanse na asignación dun prezo ás emisións de modo que os contaminadores paguen por contaminar. Para aumentar as emisións por encima do límite que teñen asignado as empresas teñen que comprar créditos a outras que contaminen menos do máximo que teñen asignado.

O principal escollo no Cumio do Clima en Madrid ou COP25 é precisamente determinar a regulamentación do artigo 6 do Acordo de París sobre estes mercados de carbono. Así mesmo, a definición de como serán os seus mecanismos de conexión e articulación entre uns e outros.

A pesar da relevancia deste apartado do Acordo de París, fontes da negociación aseguraron que mesmo sen chegarse a ningún pacto en Madrid, o pacto parisiense poñerase en marcha a partir de 2020 como está previsto.

Como garantir o apoio suficiente aos países pobres

Os países pobres serán os máis afectados polo impacto da crise climática. Os países terán que revisar na COP25 o chamado Mecanismo Internacional de Varsovia (Wim) establecido pola ONU para garantir apoio aos países máis vulnerables polos efectos e desastres asociados ao cambio climático, co obxectivo de fornecer asesoramento, ademais de tecnoloxía a eses territorios para que poidan facer fronte ás perdas e danos que sufran.

Ademais, deberá abordarse o tema das contribucións ao Fondo Verde do Clima para os países en desenvolvemento, para garantir o compromiso de 100.000 millóns de dólares ao ano por parte das economías avanzadas para 2020 en favor dos países máis vulnerables para o desenvolvemento de políticas de adaptación ao cambio climático e mitigación dos seus efectos. As achegas ata o momento están lonxe desas cifras.

O terceiro gran aspecto ten que ver coa premisa: menos emisións pero con xustiza social. A necesidade de protexer aos colectivos máis vulnerables no camiño cara á descarbonización brillará durante todas as negociacións. De feito, a temática de xénero debería empezar a tomar forza neste cume, segundo os expertos.

Como garantir contribucións máis ambiciosas

Os países deberán revisar as súas Contribucións Determinadas a nivel Nacional contra a crise climática ou NDC a partir de 2020 co obxectivo de manter o aumento da temperatura global por baixo de 1,5 graos en liña cos obxectivos do Acordo de París.

Un dos artancos neste cumio ten que ver coa definición do calendario que deberían adoptar os países en relación coas próximas revisións nos seus compromisos. Cada cinco ou cada dez anos en xeral os países máis vulnerables solicitan prazos máis breves como garantía de compromisos de maior ambición. En calquera caso, moitos países ou rexións nin sequera teñen unha postura aínda definida respecto diso.

Como aumentar a presión sobre os  contaminadores

Os novos pasos para aumentar a presión sobre os contaminadores serán intensos desde os máis diversas frontes esta semana. Todo apunta a que o Consello Europeo poñerá sobre a mesa un paquete de medidas para alcanzar o compromiso neto cero emisións para 2050.

O mércores presentará ademais a UE o novo Pacto Verde Europeo co que a nova Comisión quere plasmar o seu compromiso coa loita contra o cambio climático e o seu obxectivo de alcanzar a neutralidade de carbono en 2050. Así mesmo, no marco do cumio a presidencia da COP25 dará o seu impulso final á chamada Alianza por unha maior Ambición Climática, que podería pecharse con máis dun centenar de países comprometidos cunha maior ambición para alcanzar a neutralidade de carbono en 2050.

Definir os novos pasos a seguir máis aló de 2020

A identificación dos próximos pasos a partir de 2020 unha vez activado xa o Acordo de París é outro dos grandes retos esta semana para garantir un compromiso de redución de emisións maior a nivel global.

Os países en desenvolvemento piden garantías de que se lles apoiará nos seus compromisos máis ambiciosos. O reto de integrar a toda a sociedade e sectores máis aló dos gobernos centrais neste obxectivo da neutralidade de emisións é outro dos grandes desafíos nesta fase final das negociacións do Cumio do Clima en Madrid.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí