O cerco galego volverá á sardiña se os barcos de Cádiz lles ceden parte da súa cota
O ministerio de Pesca reabre a pesquería da sardiña ibérica no noroeste e no Cantábrico, pero só para os barcos que intercambien cota co caladoiro do golfo de Cádiz.
A nova chega días despois de que Portugal anunciara que aumenta unilateralmente a súa cota de sardiña en 1.800 toneladas. Os cerqueiros galegos pediron explicacións ao ministerio de Pesca. Porque, se hai un acordo para que España e Portugal xestionen a cota de sardiña, o lóxico sería que unha parte desa cota corresponda a Galicia.
O ministerio respondeu este mediodía aos galegos abrindo a pesquería para os que queiran comprar cota no golfo de Cádiz.
Pero para os cerqueiros galegos a decisión do ministerio non abonda. Din que só beneficiaría uns poucos barcos e non arranxa os problemas do sectorOs cerqueiros galegos non poden pescar sardiña dende mediados de xullo. A cota da especie para este ano está xa agotada. Pero o ministerio de pesca anunciou este mércores que reabre a pesqueira para o noroeste e o Cantábrico. Os nosos barcos poden volver á sardiña sempre que compren cota no golfo de Cádiz. Para os cerqueiros galegos, a medida non soluciona os problemas do sector.
Gonzalo Pérez, vicepresidente da asociación Cerqueiros Galegos: "Aínda que tivésemos cartos, a solución non era comprar cota a Cádiz porque é pouco o que teñen. En máis de 150 barcos que somos de cerco iso non chegaría nin para unha semana".
Portugal anunciou hai uns días que aumentará a súa cota de sardiña en 1.800 toneladas porque aprecia unha recuperación da especie. España e Portugal xestionan esa pesqueira de forma conxunta. Por iso, para os cerqueiros galegos, o lóxico sería que esa cota se repartise entre os dous países.
Gonzalo Pérez, vicepresidente da asociación Cerqueiros Galegos: "Se ceden 1800 toneladas, se é compartida, 600 ou 700 serían de España. Que arranxen o problema, que falen con Europa e que nos dean esas 2.000 ou 3.000 toneladas e quedamos arreglados porque peixes hai. Hai ben anos que non se ve tanta sardiña pola costa".
En todo caso, a decisión está en mans da Unión Europea. Así que os nosos armadores agardan que as autoridades comunitarias se pronuncien antes de dar ningún paso.