CRTVG

Buscar

Os centros de ocio infantil esíxenlle á Xunta axudas económicas

Publicado o 02/08/2020 14:46

A complicada situación que está a vivir este centro de ocio infantil de Boiro é a mesma pola que están a pasar a maioría deste tipo de parques de toda Galicia. Puideron reabrir as súas portas o 1 de xullo, pero a actividade é case inexistente. Cren que desde as autoridades sanitarias se xerou desconfianza entre os usuarios á hora de acudir a este tipo de centros e denuncian que a actual situación os aboca ao peche.

"Eu tiña moitos aniversarios contratados e canceláronos e agora estanme a cancelar os de setembro e a medida que pasan os meses van ir cancelando tamén... Estamos todos na mesma situación, chámanme da Coruña, Vilagarcía, Santiago, Lugo...están pechando centros de toda Galicia", di Sonia Blanco, propietaria dun centro de ocio infantil.

Para poder manter a súa actividade teñen que cumprir as medidas de seguridade e hixiene, limitar a a ocupación ao 75 por cento e acoutar a oferta de ocio e o acceso a determinados xogos.

"O que pide a Consellería de Sanidae é anular a piscina de bolas, fóra os inchables e similares e tamén todos os xoguetes de difícil desinfección", di Sonia Blanco.

Pídenlle á Xunta axudas económicas, como as aprobadas para ludotecas e escolas infantís, e das que estes centros de ocio quedaron fóra.

"Nós o que esiximos é que se nos compare e teñamos os mesmo dereitos que as ludotecas, porque os nenos interactúan da mesma maneira nunha ludoteca ca nun centro de ocio, esiximos as mesmas axudas".

Os profesionais do sector aseguran que a súa actividade é agora mesmo inviable.

Noticias web

02/08/2020