CRTVG

Buscar

Os centros de menores e as residencias inician a reapertura gradual

Publicado o 16/05/2020 14:59

Os centros de menores recuperan este sábado as visitas de familiares. Realizaranse de xeito individual e estarán supervisadas para garantir o distanciamento e as medidas hixiénicas. Durarán, como máximo, unha hora e terán unha frecuencia semanal ou quincenal.

E a partir do luns tamén regresarán as visitas a algunhas residencias de anciáns e persoas con discapacidade. Serán aquelas que cumpran cos dous requisitos esixidos: non ter rexistrados casos de coronavirus nos últimos quince días; e topárense nun concello con menos de tres novos positivos por cada 100.000 habitantes. As visitas serán semanais e con cita previa. Tamén se autorizan os paseos pola contorna, as actividades en grupo de ata dez persoas e os novos ingresos.

Trátase da primeira fase do protocolo de reactivación destes centros, supervisado polo Servizo Galego de Saúde. Nunha segunda etapa, permitiranse dúas visitas á semana e as persoas autónomas xa poderán saír á farmacia ou ao banco a primeira hora da mañá.

Outra das novidades da semana que vén, adiantada neste caso polo goberno central, é a reapertura dos locais de máis de catrocentos metros cadrados pero con zonas acoutadas. Do mesmo xeito, o ministerio de Sanidade incorpora a caza e a pesca deportiva á listaxe de actividades que se poden realizar nesta fase 1. Eran algunhas das reivindicacións do goberno da Xunta, que anuncia para os próximos días unha data, consensuada co sector, para botar a andar os centros de día.

Noticias web

16/05/2020