CRTVG

Buscar

Os cans de elite convértense nos protagonistas esta fin de semana en Melide

Publicado o 25/05/2019 23:39

Pequenos, grandes, con pelo, sen pelo, con moito pelo... De todo se podía ver esta mañá en Melide, nun ambiente de moita actividade, porque hoxe e mañá celébrase a exposición canina puntuable para o Campionato de España e o de Campión Internacional.

Segundo Agustín Fontán, presidente da Sociedade Canina Galega, nestes concursos valórase "a morfoloxía, e en morfoloxía valóranse medidas e movementos. Á parte, os cans que teñan pelo presentación. O pelo ten que estar cortado dunha determinada forma e nunhas condicións impresionantes. Non vos podedes imaxinar o que se tarda en preparar un can", comenta.

Dende primeiras horas comezou o traballo dos xuíces que valoraban as cualidades dos exemplares participantes. Un traballo para o que os criadores dos animais levan preparándose moito tempo.

"O que máis busco é o tiro, o movemento", apunta Juan Gomariz, criador de cans. "Despois que teña unha boa pelaxe, unha boa cabeza e unha boa estrutura. Un cómputo xeral. Sempre queres abranguer todo para achegarse ao can ideal, pero é complicado".

Na exposición valórase achegarse ao ideal de beleza e cánones que marca unha raza, pero sobre todo é un espazo onde criadores e público comparten experiencias e o seu amor polos cans.

Esta tarde celebraranse as primeiras finais do campionato nacional, e mañá tócalle a quenda ás grandes finais. En Melide, esta fin de semana, estes peludos amigos fieis son os protagonistas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/05/2019