CRTVG

Buscar

Os candidatos coruñeses animan a participar na cita electoral

Publicado o 26/05/2019 17:26

A candidata do PPdeG, Beatriz Mato, depositaba o seu voto no Pazo Municipal de María Pita contra o mediodía. Canda ela a súa familia ao completo que celebraba a primeira vez que o seu fillo menor, de 19 anos, votaba en urna. Beatriz Mato animou aos coruñeses a participar.

Beatriz Mato, PPdeG: "Animo a todos os coruñeses a participar activamente no día de hoxe. Creo que é moi importante que todos falemos e o xeito que temos de facelo é con ese sobre tan poderoso que é o noso voto. Así que, polo tanto, agardo que transcorra o día como o está a facer ata agora: con total normalidade".

Xulio Ferreiro, que opta a revalidar a alcaldía pola Marea Atlántica, mostrouse optimista e ilusionado ao depositar o seu voto nunha xornada na que temos o compromiso de participar.

Xulio Ferreiro, Marea Atlántica: "Cada vez que temos dereito a votar non só decidimos o noso futuro, quen queremos que nos goberne, senón que tamén lle rendemos homenaxe a todos os que loitaron. Nunha sociedade democrática a participación é fundamental".

Acompañada pola súa parella, a candidata socialista, Inés Rey, exerceu o seu dereito ao voto no colexio de Zalaeta. Inés Rey confía en repetir a participación das eleccións xerais.

Inés Rey, PSdeG-PSOE: "Agardo que os coruñeses respondan igual que o fixeron o 28 de abril, no que demos unha lección de democracia e altísima participación".

No seu barrio do Castrillón, Francisco Jorquera, depositou as papeletas ao Parlamento Europeo e ao concello e fixo unha chamada ao voto reflexivo.

Francisco Jorquera, BNG: "Eu pídolles aos cidadáns da Coruña que o seu voto sexa un voto con corazón, pero tamén con razón, que sexa un voto reflexivo e pensen que candidatura representa mellor os intereses da Coruña e de Galicia en Europa, pensen que candidatura fixo un traballo máis intenso e rigoroso nestes catro anos".

Trece candidaturas optan na Coruña a obter representación no pazo de María Pita nunha corporación formada por 27 concelleiros.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/05/2019