CRTVG

Buscar

Os bombeiros de Vigo maniféstanse ante o tribunal que xulga os servizos mínimos da folga

Publicado o 22/01/2020 10:35

Os bombeiros de Vigo concéntranse ás portas dos xulgados para verse co Concello, que suspende o seu dereito ao descanso. Os bombeiros están en folga indefinida e están a cumprir uns servizos mínimos que consideran abusivos e que levaron a xuízo. Hoxe comeza o xuízo contra os servizos mínimos decretados polo Concello. Uns servizos mínimos que, segundo os bombeiros, pon de manifesto que o persoal non é suficiente para atender as urxencias de Vigo.

Miguel Uclés, da CIG e voceiro da Plataforma de Bombeiros de Vigo, explica cal é a situación de precariedade de traballo e persoal que está padecendo e cales foron os motivos que os levou a folga indefinida desde agosto de 2019.

Os bombeiros demandan máis persoal e a anulación dun decreto que legaliza xornadas maratonianas de traballo. Este paro histórico comezou na Inspección de Traballo de Vigo coa denuncia do decreto de horas extras que os obriga, din, a facer xornadas de traballo interminables. A protesta esténdese á utilización de bombeiros en prácticas a pleno rendemento para cubrir o déficit de persoal.

Aseguran que o persoal actual non abonda para garantir a protecion da cidade nin para cumprir cos servizos mínimos desta folga.

Os sindicatos convocantes, CIG e CUT, falan de situación límite para os bombeiros, que en 2018 sumaron 38.000 horas extras, e dun 30% de baixas derivadas do exceso de traballo. A edil Elena Espinosa enviou xa en agosto do ano pasado un comunicado en que explica que todos os sindicatos aprobaron un catálogo de prazas que se está tramitando nunha Oferta Pública de Emprego.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/01/2020