CRTVG

Buscar

Os Bolechas escenifican o cambio climático na xira de Nadal

Publicado o 19/12/2019 14:53

Os Bolechas dedican este ano a súa tradicional xira de Nadal ao cambio climático. Os persoeiros animados do Xabarín Club representarán en oito vilas galegas o espectáculo Nadal sen neve, co que intentan concienciar os nenos de que o quentamento ameaza con deixar sen neve o planeta.

O espectáculo Nadal sen neve que van representar os Bolechas a partir do luns escenifica estas festas nun futuro sen neve porque o cambio climático acabou con ela. Na presentación da xira, directivos da Televisión de Galicia e da Xunta explicaron a importancia de coidar a natureza para que iso non ocorra.

"Esta liña de actuación dos Bolechas entronca con estes obxectivos, e queremos que todos, desde nenos, os coñezades e os poñades en acción, porque calquera cousa que poidades facer no colexio, aínda que sexa pequeniña, pode cambiar as cousas", dixo Xaime Arias, director de Proxección Social da CRTVG

Representantes da Xunta tamén lle pedíron aos nenos que fagan coma os Bolechas e falen sempre en galego.

"Tamén este mundo sería un pouco mellor se todos soubésemos máis linguas. Ser plurilingües é unha vantaxe moi grande, e vós sodes nenos e nenas cunha fortuna moi grande, porque vos manexades en varias linguas, pero imos intentar favorecer un pouco a lingua propia de Galicia", pediu Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística.

A xira Nadal sen neve comeza o luns en Curtis, A Coruña, e remata o día 30 en Redondela, Pontevedra.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/12/2019