CRTVG

Buscar

Os beneficios de Abanca caen un 13,2% no primeiro trimestre

Publicado o 05/05/2020 13:17
Os beneficios de Abanca caen un 13,2% no primeiro trimestre

Abanca obtivo un beneficio neto de 127 millóns de euros no primeiro trimestre de 2020, o que supón un 13,2 % menos que hai un ano, pero que, excluíndo as provisións extraordinarias derivadas da pandemia, mellora un 0,5 %.

O presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, presentou este martes por videoconferencia os resultados do primeiro trimestre do ano, cos retos que supuxo a pandemia da COVID-19, e garantiu que non está previsto aplicar ERTE mentres dure a emerxencia sanitaria e durante este ano 2020.

A entidade afronta esta situación "desde unha posición financeira moi sólida", asegurou, e, de feito, reforzou as provisións ata os 78 millóns para facer fronte ao impacto do coronavirus, ante o que puxo en marcha un plan de acción.

Entre outras medidas, destaca a posta á disposición de empresas, pemes, autónomos e comercios de 7.900 millóns de euros en financiamento e de 9.469 operacións xestionadas co ICO para pemes e autónomos por un importe de 893 millóns e 364 expedientes xestionados en corporativa por un total de 547 millóns de euros.

Tamén doou 514 equipos e 72.000 unidades de material de protección en colaboración con Afundación para afrontar a pandemia.

As cifras máis relevantes do banco apuntan a un nivel de capitalización que "supera amplamente" os requisitos regulatorios, segundo aseguran os responsables de Abanca, un cociente de capital total do 15,6 %; a cobertura de activos improdutivos (61,1%) é das maiores do sector; a morosidade (2,7%) é inferior á media española; e a estrutura de financiamento está baseada principalmente en depósitos de clientes (cociente LTD do 98%).

Tras o peche do primeiro trimestre do ano, Abanca xestiona un volume de negocio de 85.537 millóns de euros, un 20,6 % máis que en marzo de 2019, cun comportamento equilibrado do crédito normal a clientes, que aumentou un 25,3% ata os 37.166 millóns de euros, e da captación de recursos, un 18,4% máis ata 47.621 millóns.

Este trimestre destacou tamén a culminación da integración de Banco Caixa Geral, completada con éxito en marzo, e ademais Abanca estuda a posible adquisición do banco portugués Eurobic, nestes momentos pendente de finalizar o proceso de due dilligence, operacións coas que constata a súa aposta por Portugal como eixo de expansión.

"O próximo ano estamos abertos a calquera posibilidade que poida xurdir", dixo Escotet.

En canto a liquidez e capitalización, conta cun cociente de créditos sobre depósitos do 98,0% e unha posición de liquidez cifrada en 13.505 millóns de euros.

A marxe de xuros e os ingresos por prestación de servizos creceron a ritmo de dobre díxito en ambos os casos, detalla Abanca, o primeiro mellorou un 13,8% interanual grazas ao dinamismo do negocio e a boa xestión de prezos e os segundos creceron un 27,7% interanual impulsados polos servizos de valor engadido para o cliente.

Sobre as previsións para o resto do exercicio, o conselleiro delegado, Francisco Botas, explicou que os cálculos se están realizando a día de hoxe pero que, debido á situación de crise sanitaria, ao peche do primeiro semestre planificarase novamente ao plan estratéxico engadindo a información de que dispoñan.

En todo caso, cre que Abanca manterá a súa rendibilidade e fortaleza de ingresos recorrentes, que seguirán sendo sostibles asumindo os gastos das integracións que levaron a cabo. "O que está a crecer máis é o crédito a empresas", detallou, e aínda que o hipotecario "retardouse en abril", prevé que "se acelerará nos próximos meses", do mesmo xeito que o comportamento do crédito ao consumo.

No mesmo sentido, o presidente de Abanca augurou que este 2020 "vai ser un ano de moito crédito pola necesidade de liquidez ante a caída considerable dos ingresos do conxunto do sector privado", sobre todo debido á pandemia da COVID-19.