CRTVG

Buscar

Os bares reabren nunha nova fase da desescalada en Francia con liberdade nos desprazamentos

Publicado o 02/06/2020 19:34
Os bares reabren nunha nova fase da desescalada en Francia con liberdade nos desprazamentos

Francia levantouse este martes entrada xa a segunda fase de desescalada en que xa apenas hai restricións de movementos e de novo con bares, cafés e restaurantes abertos, aínda que na rexión de París só poden facelo as terrazas.

"A reapertura dos cafés, hoteis e restaurantes marca a volta dos días felices", destacou nunha mensaxe en Twitter o presidente, Emmanuel Macron, que incitou os seus concidadáns a que acudan de novo a uns establecementos que forman parte "do espírito francés, da nosa cultura e da nosa arte de vivir".

Outra das novidades desta segunda fase en Francia -ademais da reapertura parcial dos centros de bacharelato, despois dos de primaria e secundaria- é a desaparición do límite de 100 quilómetros arredor do domicilio para os desprazamentos, sempre que non se saia do país. Francia mantén as súas fronteiras pechadas, salvo excepcións, e Philippe confirmou a semana pasada que haberá que esperar ata o día 15 para volver entrar desde outros países do espazo Schengen.

Francia anuncia repunta de 107 mortos

As autoridades francesas anunciaron este martes 107 mortos por coronavirus nas últimas 24 horas, unha repunta respecto aos 31 da véspera, no día en que o país entrou na segunda fase da desescalada. Desde o inicio da epidemia, levan contabilizados 28.940 falecidos en Francia, precisou a Dirección Xeral de Sanidade nun comunicado

 Máis aló das cifras de mortalidade, a tendencia seguiu manténdose á baixa, con 14.028 persoas hospitalizadas pola COVID-19, 260 menos dos que estaban rexistrados o luns. O mesmo ocorreu cos casos graves, con 1.253 enfermos nas UCI este martes, unha redución de 49 respecto á véspera.

Máis do 40 % deses casos graves concéntranse na rexión de París, que é a única da Francia metropolitana que está en zona laranxa por unha situación epidémica menos favorable.

Os mortos diarios por COVID-19 no Reino Unido elévanse ata 324

O número de mortos diarios pola COVID-19 ascendeu a 324 para chegar a un total de 39.369 decesos durante a pandemia, tras rexistrarse 111 e 113 falecidos nas dúas xornadas previas, segundo comunicou o Goberno. O Ministerio de Saúde informou de 1.613 novos contaxios, un día despois de que Inglaterra relaxara algunhas medidas de distancia social e reabrira escolas de primaria, a pesar da oposición dalgúns expertos.

Italia rexistra 55 falecidos e 318 novos contaxios de COVID19 en 24 horas 

Italia rexistrou hoxe 55 falecidos e 318 novos casos de contaxio con coronavirus nas últimas 24 horas, segundo os últimos datos de Protección Civil. O número total de mortos desde que se iniciou a emerxencia de coronavirus, o 21 de febreiro, é de 33.530 e os casos totais de contaxio ascenden a 233.515, contando os enfermos, os mortos e os dados de alta. Respecto do luns, curaron 1.737 pacientes e o número total é xa de 160.092 persoas.

Noticias web

02/06/2020