CRTVG

Buscar

Os bares e restaurantes poderán abrir en Francia a partir do próximo martes

Publicado o 28/05/2020 18:28
Os bares e restaurantes poderán abrir en Francia a partir do próximo martes

Os bares, cafeterías e restaurantes de Francia poderán abrir as súas portas ao público a partir do próximo martes, 2 de xuño, aínda que na rexión parisiense só poderán facelo polo momento as terrazas, anunciou este xoves o primeiro ministro francés, Édouard Philippe. 

Nos establecementos será obrigatorio levar máscaras para empregados e clientes cando estes se estean desprazando, e deberá haber como mínimo un metro de distancia entre mesas, sinalou Philippe. O primeiro ministro agregou que a situación da rexión parisiense, que continúa en fase laranxa, será reexaminada o 22 de xuño

Outras medidas anunciadas por Philippe para a nova fase da desescalada que comeza o 2 de xuño inclúen a apertura a partir desa data dos colexios de secundaria e dos museos e monumentos, salvo en París.

Ademais, Francia permitirá a circulación por todo o seu territorio nacional a partir do martes, co que pon fin á medida que restrinxía os desprazamentos a cen quilómetros á redonda do domicilio para evitar a propagación da Covid-19.

Os cinemas, mentres tanto, poderán volver operar o 22 de xuño no conxunto do territorio, a pedimento das propias salas para coordinar a programación. 

A partir desta fin de semana, todos os xardíns e parques do territorio nacional poderán reabrir as súas portas. As piscinas e ximnasios poderán facelo tamén o vindeiro martes nas zonas "verdes" e o 22 de xuño nas "laranxas", explicou o primeiro ministro. 

A pesar de todo, as reunións sociais continuarán estando limitadas a un máximo de dez persoas no espazo público, incluído nos bares e restaurantes, sinalou Philippe, que citou as grandes concentracións de xente como o "maior adversario" ao que se enfronta a desescalada. 

Italia rexistra 70 mortos o último día e preto de 600 novos contaxios

Italia rexistrou 70 mortos con coronavirus nas últimas 24 horas, a metade que onte mércores, e a cifra total ascende xa a 33.142, segundo os últimos datos de Protección Civil.

Os novos contaxios son 593, algo superior a onte aínda que na mesma liña, e un terzo destes casos son da Lombardía, a rexión que foi máis duramente golpeada pola epidemia.

Máis de 150.000 persoas xa se curaron, e actualmente seguen sendo positivas preto de 48.000, aínda que só están hospitalizados con síntomas 7.379, e os ingresados en coidados intensivos xa son menos de 500 en todo o país

O Reino Unido suma 377 falecidos máis por Covid-19 e detecta 1.887 contaxios

O Reino Unido rexistrou hoxe 377 falecidos por Covid-19, ata un total de 37.837 desde que comezou a pandemia, e detectou 1.887 novos casos da enfermidade, informou nunha conferencia de prensa o primeiro ministro británico, Boris Johnson.

O xefe de Goberno recalcou que mantén en pé os seus plans de comezar a abrir algunhas escolas de primaria e relaxar as normas de distanciamento social en Inglaterra a partir do luns.

Johnson asegurou que os expertos cren que se cumpren as condicións para continuar adiante coa  desescalada, aínda que subliñou que os cambios inmediatos ás regras serán "limitados e precavidos".

A partir do luns, o Goberno recomendará a apertura en Inglaterra de parvularios e tres cursos da educación primaria, mentres que o 15 de xuño espera que os colexios de secundaria poidan prover "certo tempo de contacto cara a cara" entre profesores e alumnos de dous cursos. 

Tamén a semana que vén poderán reabrir as súas portas comercios ao aire libre, como tendas de automóbiles con exposición no exterior, e permitirase que se reúnan en parques ou xardíns privados ata seis persoas, mesmo aínda que non convivan entre si.

Os plans do Executivo pasan por reabrir máis comercios non esenciais a metade de xuño, aínda que Johnson precisou que os plans estarán suxeitos á evolución das cifras da pandemia.

"O virus segue presente en todo o territorio, pero a súa velocidade de propagación está neste momento baixo control. Estamos onde esperabamos atoparnos a final de maio e aínda un pouco mellor do que esperabamos", destacou o xefe de Goberno.