CRTVG

Buscar

Os axentes dubidan do relato do detido pola desaparición de Marta Calvo

Publicado o 05/12/2019 14:39

A Garda Civil inspecciona varios vertedoiros próximos á localidade valenciana de Manuel, onde o pasado sete de novembro desapareceu Marta Calvo. 

O sospeitoso da desaparición díxolles aos axentes que el non a matara, pero que por medo despezara o seu corpo e o botara en varios colectores de lixo.

Os investigadores teñen previsto trasladar a Jorge Ignacio Palma ata a localidade de Manuel e facer unha reconstrucción dos feitos na vivenda en que supostamente se citara con Marta, o pasado sete de novembro.

Segundo distintas fontes, o detido confesou tras entregarse na madrugada do mércores que Marta morrera mentres practicaban sexo combinado co consumo de cocaína.

Jorge Ignacio xa se vira implicado o pasado mes de abril na morte dunha muller que exercía a prostitución en Valencia e que morrera do mesmo xeito.

Foi por isto e por outros antecedentes que ten por tráfico de drogas polo que, segundo lle dixo aos axentes, colleu medo e decidiu defacerse do corpo de Marta; despezouno e botouno a varios colectores de lixo.

A Garda Civil segue inspeccionando algúns vertedoiros das proximidades para comprobar a veracidade do relato, pero nos que xa foron inspeccionados non hai rastro ningún do corpo de Marta.

Fontes policiais teñen dúbidas da versión dada por Jorge Ignacio Palma e admiten que hai outras liñas de investigación abertas.

Noticias web

05/12/2019