CRTVG

Buscar

Os apicultores preparan a defensa invernal das colmeas fronte á velutina

Publicado o 25/08/2019 14:40

O mel galego vive un momento doce, cunha produción que se agarda chegue ás 450 toneladas de mel de Galicia certificadas e cun aumento considerable non só na cantidade do produto, senón no número de inscritos na Indicación Xeográfica Protexida (IXP). Con todo, os apicultores prepáranse para protexer as abellas durante a súa hibernación, contra unha praga que chegou para quedar e que mudou a forma de traballar nas colmeas, que ademais repercutirá nos custos de produción con vistas á vindeira colleita e na competencia dentro do mercado.

Esther Ordóñez Dios, presidenta do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida: "Vai influír moito de cara a como se preparan elas de cara a hibernación. Se as abellas están dentro, fortes a nivel sanitario, a nivel nutritivo e demais, podemos aguantar o envite da velutina. Hai certos manexos que logo se lle poden transmitir aos apicultotes e apicultoras, para que o fagan, pero realmente inflúenos moito e auméntanos os custos de produción e isto o que fai é que teñamos competencia no mercado con outras comunidades que non teñen velutina".

Consumir mel galego non só nos garante a calidade deste alimento, senón á sustentabilidade do campo.

Esther Ordóñez Dios, presidenta do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida: "O que estamos facendo con isto é apoiar os apicultores e ás apicultoras galegas, mantendo a biodiversidade de Galicia, porque isto si que non o poderíamos importar doutros sitios. O que nos garante é calidade e orixe, todo o mel é daquí. Hai moita xente que está vivindo agora mesmo en Galicia da apicultura e outros que o teñen como un complemento da renda. Que fagamos que realmente a xente poida vivir no rural e do rural! Algo importantísimo que sen elo non nos vai deixar ter esta Galicia tan bonita e tan verde que temos!"

Cómpre lembrar que mercando e consumindo produtos de aquí contribuímos a manter a biodiversidade do país.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/08/2019