CRTVG

Buscar

Os apicultores agardan que a abondosa produción de mel deste ano axude a recuperar o sector

Publicado o 29/07/2019 13:38

As previsións da colleita de mel este ano en Galicia son moi boas, unha situación que contrasta coa do resto de España, donde se estima un descenso da produción do 60 por cento. Desde a Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia agardan que esta boa colleita axude a recuperación do sector, despois de varios anos de escaseza.

Mel abondoso e de calidade. Son as previsións para a colleita do mel este ano en Galicia. O tempo da primavera axudou ás distintas floracións, o que contrasta coa situación do resto de España, donde se agarda un descenso de máis da metade.

Esther Ordóñez, presidenta da IXP Mel de Galicia: "Non houbo as ola de calor que houbo no resto de España, tivemos sorte para as nosas abellas e para nós, non se queimaron as floracións, porque iso si que ás veces pasa e as abellas queren sol pero non demasiado sol". 

A esmelga do mel iniciouse na zona da costa, cuns rendementos que lles axudarán a compensar as malas colleitas de anos anteriores.

Esther Ordóñez, presidenta da IXP Mel de Galicia: "A maioría da costa xa se recolleu, unha porque o ano pasado a colleita foi moi mala e quixeron adiantar un pouquiño a esmelga para poder dar cabida ao mercado que teñen, e outra porque queren aproveitar aos turistas que veñen buscar o mel de Galicia, tan afamado, para levar ás súas casas".

Nas zonas do interior estase collendo o mel de castiñeiro e nos próximos días comezarase co de carballo. Á espera de que non haxa treboadas que poidan estragar a floración, a previsión é dunha colleita de récord.

Esther Ordóñez, presidenta da IXP Mel de Galicia: "Espérase que sexa unha das mellores colleitas en anos, agárdase unha certificación arredor das 500 toneladas".

Estas cifras son as do mel certificado pola IXP, a mellor garantía que ten o consumidor de que é cen por cento galego.

Esther Ordóñez, presidenta da IXP Mel de Galicia: "Primeiro que miren na etiqueta que todo o mel é de Galicia, porque se collen a contraetiqueta de Mel de Galicia todo o mel é de aquí, un mel de calidade diferenciada porque somos máis restritivos que a normativa do mel a nivel xeral e, ademais, están apoiando os apicultores e apicultoras galegas".

Mel de Galicia xunta máis de 350 apicultores e preto de 50.000 colmeas, o que a converte no indicativo do mel máis grande de España e de Europa.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

29/07/2019