CRTVG

Buscar

Os alcaldes da Mariña pechan algunhas zonas públicas para frear o brote e piden medios e coordinación

Publicado o 06/07/2020 18:35
Os alcaldes da Mariña pechan algunhas zonas públicas para frear o brote e piden medios e coordinación

Os concellos da Mariña lucense para os que a Xunta decretou un peche de cinco días para frear o brote de coronavirus COVID-19 optaron por pechar algunhas prazas, parques infantís e pistas deportivas, á vez que reivindican medios humanos e materiais, así como coordinación, para velar por que se cumpran as medidas decretadas pola Consellería de Sanidade. 

O alcalde de Burela, o socialista Alfredo Llano, comentou que no encontro telemático deste luns entre alcaldes da Mariña e a Consellería de Sanidade abordaron a situación epidemiolóxica pola que unhas 1.100 persoas están "confinadas" porque "tiveron contacto ou vinculación co primeiro brote". Os alcaldes da Mariña coincidiron en pedir "solidariedade de todos". "Imos colaborar dentro das nosas posibilidades", incidiron, á vez que insistiron en reclamar a Sanidade que debe "coordinar e asumir os medios". "Pásannos a bóla", criticaron, en relación a que se descargue a responsabilidade nos rexedores para velar polo cumprimento das medidas. 

Nesta situación, alcaldes socialistas e do BNG volveron denunciar que "non hai coordinación" por parte da Xunta. "Debemos estar de acordo, controlar o que é o coronavirus", afirmaron, para engadir que "como se debe facer vai moito no partido en que se está", admitiu. Con todo, animaron a "traballar xuntos para atallar o virus".

Nesta liña, o rexedor popular de Xove, José Demetrio Salgueiro Rapa, incidiu en que os alcaldes da Mariña mostraron "máxima colaboración" e avogou por "non crear unha alarma innecesaria". Por iso, apostou por "concienciar a poboación das medidas preventivas". Salgueiro puntualizou que Sanidade trasladoulles que a responsabilidade dos alcaldes como autoridade sanitaria se centra en controlar "con persoal municipal" aspectos como "a ocupación de locais, mobilidade e prevención no uso de máscaras". 

Pola súa banda, o alcalde socialista de Alfoz, Jorge Val, comentou que o Concello estuda se abrirá finalmente ou non a piscina a raíz do brote, á vez que trasladou as súas queixas por competencias que Sanidade lles atribúe cando non teñen "nin medios nin capacidade para exercelas". 

No mesmo sentido, o rexedor do Valadouro, o socialista Edmundo Maseda, subliñou que non teñen "nin medios humanos, nin técnicos, nin financeiros". Por iso, coincidiu con outros alcaldes en que "a Xunta ten que asumir as competencias na pandemia e coordinar a todos os demais". "Isto hai que paralo xa", resolveu. "Os concellos sen medios non podemos atallar isto", concluíu. 

Do mesmo xeito, a alcaldesa de Barreiros, Ana Hermida (BNG), explicou que trasladou a Sanidade "a imposibilidade de facer fronte ás obrigas de control, inspección e sanción" porque carecen de "medios humanos". "Non temos Policía Local", lembrou, para matizar que, no entanto, o persoal do Concello "está a disposición da Consellería", pero élles "imposible asumir esas competencias".

A rexedora de Barreiros incidiu en necesidades do seu concello, como que o centro de saúde conte con médico para persoas desprazadas, xa que neste municipio "multiplícase por tres e catro a poboación" na época estival. "A Consellería debe implicarse ao 100 %", demandou e insistiu na "colaboración absoluta e plena" do seu Concello. 

Tamén preocupa o centro de saúde ao veciño municipio de Foz, onde o seu alcalde, Fran Cajoto, reclamou que se incorpore cando antes o médico de desprazados que, segundo lle indicaron no Sergas, non poderá estar operativo ata mediados de mes. Ante a Xunta, o rexedor de Foz esgrimiu que os municipios da Mariña non poden "asumir competencias que non lles corresponden", tendo en conta que algunha entidade local "non ten nin sequera Policía Local".

"Calquera medida que se tome vai ser apoiada polos concellos, non criticamos ningún tipo de medida", dixo Cajoto, que reclamou, con todo, que a Xunta "asuma o liderado". "Non é de recibo eludir estas responsabilidades", criticou.

No caso de Xove, o seu alcalde comentou que non se tomaron "medidas adicionais" a maiores das establecidas por Sanidade. "Imos cumprir co que di a orde", afirmou, para indicar que se controlará "a zona de praias". Na mesma liña, o rexedor do Vicedo, o popular Jesús Novo, tamén se cinguirá aos límites que marque a Consellería de Sanidade e continuará coa labor de desinfección de espazos comúns, como parques. 

Ao contrario que outros rexedores da área, o alcalde do Vicedo puxo en dúbida que o decreto da Xunta lles atribúa máis competencias aos municipios e criticou que se tente "facer política" con esta cuestión. Neste sentido, explicou que os concellos farán "o que poidan" cos seus medios, sobre todo en función de se dispoñen ou non de Policía Local. "Non temos nin poder nin potestade para controlar a entrada e saída da xente, é un tema que lles corresponde ás forzas de seguridade", apuntou, tras o que eloxiou que a Xunta os vaia informar diariamente da evolución do brote. 

Sobre o estado da cuestión, o alcalde de Cervo, Alfonso Villares (PP), destacou que se "están facendo moitas analíticas, máis de 2.500" e están "a ver todos os posibles focos dos contaxios". "Ten que preocupar e ocupar a saúde dos veciños", aseverou e apostou por "remar todos xuntos" fronte ao virus. Tras indicar Villares que no seu municipio hai "catro casos positivos", sinalou que se acordou que por parte de Policía Local e Protección Civil "informar a xente e velar polo cumprimento das normas". Así, aposta por "alerta pero non alarma".

Os rexedores da Mariña incidiron tamén na afectación deste peche de cinco días, que se poden prorrogar segundo a evolución do brote, nos "hostaleiros e a restauración". A este respecto, o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez (BNG), tras asegurar que a "colaboración é absoluta" por parte dos rexedores da Mariña, lamentou que están algúns "moi contrariados" polo publicado no DOG e porque "o Goberno galego se pon de perfil". "A maioría dos concellos non teñen Policía Local", dixo, para controlar aforamentos e praias. "Temos competencias como limpeza viaria, pero non un corpo militarizados para controlar todo isto", matizou.

Para o alcalde de Ribadeo hai unha "falta de planificación importante" por parte da Xunta, criticando que haxa municipios con "dous casos" que se incluíron no peche da Mariña. "As reservas canceláronse en cuestión de horas".

Este luns, o primeiro de illamento na Mariña, municipios como Burela amenceron cun panorama similar ao rexistrado durante o confinamento, coa maioría dos negocios, comercios e locais de lecer pechados. Ademais, pouco antes da hora de apertura do 'COVIDauto' instalado no exterior do Hospital da Mariña, ao redor de medio centenar de vehículos colapsaban o acceso a través da Rúa do Instituto, á espera de poder realizarse as probas de COVID-19. Ao longo desta semana, e mentres duren as medidas excepcionais, está previsto que os alcaldes da Mariña e a Consellería de Sanidade manteñan unha reunión telemática diaria sobre a evolución deste brote.