CRTVG

Buscar

Os afectados pola folga en Ryanair poderían reclamar ata 600 euros

Publicado o 03/01/2019 15:35

Faltan cinco días para a primeira xornada de folga en Rynair. A Federación de Axencias de Viaxes pídelle á Axencia Española de Seguridade Aérea que vixíe a compañía irlandesa, para que cumpra coa obriga de compensar os viaxeiros e viaxeiras afectadas, non só co reembolso dos seus billetes, senón con indemnizacións que poderían chegar aos 600 euros, polos prexuízos ocasionados.

Rebeca Sánchez, responsable do departamento de prensa da Unión de Consumidores de Galicia: "Unha folga non é un caso de forza maior, non poden alegar iso. Evidentemente a aeroliña ten uns tempos, nos que pode avisar con tempo suficiente para que a persoa consumidora vexa se pode ir, se non pode ir, ou o que sexa, pero se non avisa dentro deses tempos, se non nos dá opción, temos e podemos reclamar, evidentemente".

Pódese reclamar directamente no aeroporto, nos mostradores ou da compañía ou de Aena, ou ben a través de Internet, na páxina da Axencia Estatal de Seguridade Aérea. As asociacións e oficinas municipais de consumo tamén ofrecen recursos. E se a vía administrativa non funciona, recomendan acudir á vía xudicial. Por reclamacións de menos de 2.000 euros o procedemento é gratuíto e non se precisa asistencia letrada.

Noticias web

03/01/2019