CRTVG

Buscar

Atrásase o reinicio do cumio da UE sobre o presuposto, sen perspectiva de acordo

Publicado o 21/02/2020 09:19

• A proposta inicial contempla recortes nos fondos agrícolas e de cohesión que España non está disposta a aceptar

• Feijóo: "A perda de fondos sería letal para o agro galego"

• Nova xornada de protestas no sector do campo

O reinicio do cumio en que os líderes da Unión Europea (UE) negocian o orzamento comunitario para o período 2021-2027 atrasouse de forma indefinida, sen que un acordo sobre as contas pareza posible.

"O presidente do Consello Europeo, Charles Michel, continúa coas súas reunións bilaterais en diferentes formatos. O plenario sobre o orzamento plurianual atrasouse ata novo aviso", anunciou en Twitter o portavoz de Michel, Barend Leyts.

Tras o inicio do cumio na tarde do xoves, durante a noite Michel xa mantivo reunións bilaterais cos vinte e sete xefes de Estado e de Goberno da UE para coñecer as súas posturas e liñas vermellas, unha tarefa que concluíu arredor das 6:30 hora local (7:30 GMT) de hoxe.

Finalizado ese proceso, durante a mañá están a celebrarse novos encontros entre varios líderes.

A negociación do orzamento plurianual é tradicionalmente una das máis intensas na UE, e nesta ocasión os países están divididos entre os partidarios de recortar fondos (Holanda, Suecia, Dinamarca ou Austria) e os que reclaman máis ambición e manter o financiamento das políticas agrarias e de cohesión (España).

Esta vez engádese a dificultade da saída do Reino Unido, un contribuínte neto -achegaba máis do que recibía- que deixa un buraco de ata 75.000 millóns de euros para o septenio.

Á súa chegada hoxe ao encontro, o presidente romanés, Klaus Iohannis, recoñeceu que a maioría de mandatarios non son "moi optimistas" sobre a posibilidade de alcanzar un acordo neste cumio, polo que considerou "moi probable" que se teña que celebrar outra reunión para tentar pechar o orzamento.

O primeiro ministro italiano, Giuseppe Conte, tamén opinou que o acordo orzamentario está "lonxe", e engadiu que o seu país é "ambicioso" e cre nas liñas programáticas da nova Comisión Europea de "perseguir as políticas europeas cos instrumentos financeiros adecuados".

O primeiro ministro en funcións da República de Irlanda, Leo Varadkar, dixo que está disposto a que o seu país aumente a súa achega ás contas comunitarias, pero apuntou que a cambio non pode aceptar recortes "moi significativos" na Política Agrícola Común (PAC) e os fondos de cohesión, e sinalou que non cre que hoxe se logre un acordo.

A primeira ministra de Finlandia, Sanna Marin, constatou que parece "bastante difícil" pechar o orzamento hoxe, pois as posturas dos Estados membros permanecen "bastante afastadas", e recalcou que se se pretende alcanzar un pacto todos os países deben ser flexibles.

"Non pode ser que algúns países traten de ditar o resultado", sinalou a líder, cuxo país aposta por rebaixar as contas tras o baleiro que deixou a saída do Reino Unido.

O seu homólogo luxemburgués, Xavier Betterl, subliñou que "se todo o mundo calcula o que paga e obtén, nunca terminaremos (...). Se é así, temos un problema".

A primeira ministra belga, Sophie Wilmès, destacou que dada a saída do Reino Unido e a vontade de implicarse en novas políticas como a climática ou de dixitalización, os países van ter que achegar "un pouco máis" ao orzamento.

A proposta que servía de base para a negociación, presentada a semana pasada e elaborada por Michel, expuña unha dotación de 1,09 billóns de euros, o equivalente ao 1,074 % da renda nacional bruta (NB) conxunta dos Vinte e sete, cando o orzamento nacional dun país da UE equivale de media ao 46 % da súa riqueza.

Pedro Sánchez: "A proposta é altamente decepcionante"

Visto o sucedido durante a xornada de onte, o acordo é case imposible a curto prazo. As diferenzas nas posturas entre os países do norte e do sur son notables. Os primeiros non queren aumentar a súa contribución e os segundos piden máis gasto. O presidente do Consello Europeo propón reaxustar os cartos que hai con recortes. As axudas agrícolas, a PAC, reduciríanse un 14% e os fondos de cohesion un 12%. Proposta que España non acepta.

"Altamente decepcionante a proposta do presidente do Consello Europeo, tanto para o conxunto da Unión como para España. Son peores non só pola contía das políticas vencelladas a España, tamén polas prioridades que tempos como Europa", asegura o presidente español Pedro Sánchez.

Mentres os líderes negociaban dentro, agricultores e gandeiros de varios países levaban as súas protestas ás portas das institucións europeas. En plena crise de prezos, a redución da axudas da PAC pode ser un golpe insalvable.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/02/2020