Os 27 acordan recoñecer as probas de antíxenos
Os países da Unión Europea comprometéronse a recoñecer as probas de antíxenos para o diagnóstico de covid-19 que fosen validadas noutros países e que cumpran cunha serie de requisitos mínimos, por exemplo, que conten cunha sensibilidade igual ou superior ao 90 %.
Os Vinte e sete chegaron a este acordo o mércores a nivel de embaixadores, pero a medida non se poñerá en marcha de maneira inminente. Antes, os socios comunitarios deben "acordar, manter e compartir" coa Comisión Europea e o Centro Europeo de Control e Prevención de Enfermidades (ECDC) unha lista "común e actualizada" das probas de antíxenos que consideren adecuadas. Posteriormente, desta lista acordarán unha selección de probas "cuxos resultados serán obxecto de recoñecemento mutuo para a adopción de medidas de saúde pública", segundo consta no texto que pactaron todas as capitais europeas.