CRTVG

Buscar

Ordes énchese de cor coa nova edición do Festival Internacional DesOrdes Creativas

Publicado o 13/08/2020 14:53

Dende o pasado día 3 e ata o próximo 20 de agosto o Festival Internacional de arte urbana DesOrdes Creativas está en marcha.

Aínda que este ano debido ás circunstancias especiais derivadas da crise da covid-19 e para manter a seguridade optaron por prescindir das actividades paralelas que adoitaban programar, xa están en pleno proceso de creación dos primeiros murais de gran tamaño elaborados por diferentes artistas.

Dende a organización do festival intentan fomentar un novo tipo de turismo para o municipio e aseguran que a resposta dos veciños sempre é moi positiva e que mesmo son eles os que cada ano solicitan a súa intervención. 

Este ano son seis os artistas convidados. Cada un traballa dunha forma diferente e ten un estilo persoal pero todos eles comparten o gusto pola arte urbana e o desexo de encher de cor e vida as rúas da zona. 

Un ano máis, Ordes convértese nun gran museo público e gratuíto a ceo aberto que se vai ampliando con cada edición. Cando remate, o próximo día 20 de agosto, o municipio contará xa con máis de 70 obras.

Noticias web

13/08/2020

Máis sobre actualidade