CRTVG

Buscar

Ingresan en prisión os dous condenados polo crime da Esmorga

Publicado o 07/02/2020 21:25

Condenados a 16 anos de prisión cada un, Óscar Estévez e Eduardo López saíron hoxe do Pazo de Xustiza de Ourense esposados e pola porta dos calabozos, camiño do cárcere do Pereiro de Aguiar.

Foi o resultado dunha comparecencia celebrada esta mañá a porta pechada na Audiencia Provincial de Ourense. A acusación particular pedía o ingreso en prisión despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ratificara a condena por asasinato ditada pola Audiencia.

As defensas alegaban que non existía risco de fuxida como demostraron asistindo a todos os actos do proceso e tamén polo arraigamento ao Carballiño.

Tamén advertían do risco de que cumpran condena e, finalmente, saian absoltos no Tribunal Supremo, onde presentaron un recurso hai tres días.

As sentenzas que se ditaron contra eles consideran probado que ambos os dous lle deron unha malleira a Alexandru Boghiu, de 22 anos, durante unha noite de festa e que despois, nunha xélida noite de 2014, o tiraron ao río, onde faleceu.