CRTVG

Buscar

Tres novos falecidos con coronavirus elevan a 97 a cifra de mortes en Galicia

Publicado o 31/03/2020 15:38

• Rexístranse 3.758 persoas contaxiadas, 147 delas ingresadas en UCI

• Entre onte e hoxe 19 pacientes recibiron a alta no sistema sanitario galego

Tres persoas máis infectadas por coronavirus morreron nas últimas horas en Galicia. Trátase dun ancián de 84 anos e dunha muller de 73, ingresados no Hospital de Valdeorras, e tamén doutro home de 77 anos que estaba hospitalizado no CHUS.

Estas, sumadas ás oito vítimas mortais reportadas ata o mediodía, fan que a cifra total de falecidos en Galicia sexa de 97.

Galicia rexistrou once falecementos por coronavirus este martes. Son seis menos que o luns, que foi a xornada con máis mortos desde que empezou esta pandemia. Os once falecidos nestas últimas horas tiñan máis de 70 anos.

A área sanitaria da Coruña con 34 falecementos é a que rexistra máis mortes, máis do dobre que Santiago e Vigo, que ocupan o segundo e o terceiro posto con 13 falecidos.

A taxa de mortaldade sitúase nun 2,3 por cento, son case seis puntos e medio por debaixo da media en España, que está no 8,7 por cento. O número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 3.758. O 75 por cento dos positivos, máis de 2.700, seguen a enfermidade nas súas casas. 822 están hospitalizados en planta e 147 permanecen na UCI.

No hospital de Santiago celebraban este luns con aplausos a saída dos dous primeiros pacientes da Unidade de Coidados Intensivos. Este martes abandonou a UCI outra doente máis. Foi a terceira alta a planta, pero é a primeira que a recibe tras necesitar ventilación mecánica.

Os curados seguen medrando, o último balance oficial apunta que son xa 187. O número de probas de diagnóstico de coronavirus feitas en Galicia é de máis de 17.000.