CRTVG

Buscar

Ocupan ilegalmente un pazo en Lugo e marchan ao saber que está en venda

Publicado o 25/08/2020 14:06

Ocupación ilegal, pero fugaz do pazo da Fervedoira, en Lugo. Polo menos dúas familias entraran no lugar a fin de semana pasada e mesmo chegaron a lles comunicar aos responsables da inmobiliaria que xestiona a súa propiedade que pensaban quedar, pero mudaron de parecer ao saber que o edificio está en venda.

Varias familias con nenos ocuparon de xeito ilegal o pazo da Fervedoira, en Lugo. Segundo lle fixeron saber ao encargado da inmobiliaria que xestiona a propiedade, proceden dunha parroquia da capital luguesa e non teñen onde vivir, polo que a súa intención era quedar no seu interior ata que saíse o xuízo.

Pola súa parte, o xestor comunicoulles que o inmoble está en venda, polo que ao parecer decidiron desocupalo. 

"Chamaron un compañeiro e dixéronnos que a propiedade estaba okupada, que había xente por alí que entrara nela", dinos o asistente inmobiliario Asier Barja.

"O noso compañeiro foi ata alí e comentáronlle que eles non ían marchar en ningún caso, que ían ir ata o final, e o meu compañeiro díxolles que a propiedade estaba en venda, que eles non podían estar alí e que podían ter problemas cos pequenos porque había pozos e a zona non estaba ben para habitar. Onte á noite xa non había por alí ninguén e hoxe á mañá foi o meu compañeiro por alí tamén e xa non había ninguén, así que non sabemos se se foron ou se aínda están por alí. Estamos pendentes diso", engade.

O pazo da Fervedoira é unha casa señorial de máis de 1.200 metros cadrados que alberga un terreo de dúas hectáreas e media con varios muíños e mais un antigo curtidoiro. Tras ser un restaurante durante décadas, posteriormente foi un prostíbulo. A día de hoxe, encóntrase á venda a un prezo de 850.000 euros.

"A propiedade ten bastante potencial, aínda que neste momento, coa crise sanitaria, tampouco temos moita xente que lle poida encaixar", asegura Barja. "Pero esta propiedade é, preto de Lugo, a única con esas características. Vale para restaurante, para hotel ou mesmo para parador. É unha propiedade que ten bastante saída. Na situación actual, con isto do coronavirus, se cadra non lle é o mellor momento, pero si que ten saída".

Actualmente, o pazo pertence a un coñecido hostaleiro de Lugo.

Noticias web

25/08/2020