CRTVG

Buscar

Ocupan e mesmo realugan pisos dun edificio de luxo na Gran Vía de Vigo

Publicado o 26/08/2020 13:23

Novo caso de ocupación de vivendas, desta volta en pleno centro da cidade de Vigo. Os ocupantes ilegais fixéronse con varios pisos dun edificio propiedade da Sareb, que intentou sacalos á poxa sen éxito.

O edificio esta situado na céntrica Gran Via de Vigo. Seis plantas e baixo cuberta nun edificio que quedou sen rematar e que pasou a ser propiedade do chamado 'banco malo'.

Agora, no que ían ser unhas vivendas de luxo polas que se chegaron a pedir 600.000 euros, viven grupos de persoas sen teito e mesmo familias que comezaron a chegar en pleno confinamento. Algúns mesmo chegan a cobrarlles alugueiro a outros residentes.

A presenza destes okupas mantén proocupados os veciños. Moitos deles non queren falar por medo. Os que acceden, relatan situacións incívicas, venda de droga na zona e denuncian inseguridade pola situación en que viven.

O mal estado do edificio xa fora denunciado no xulgado pola comunidade de veciños do inmoble lindeiro por mor da filtración de auga. Agora temen que a ocupación atrase a execución da sentenza.

Veciños, comerciantes e hostaleiros reclaman máis vixilancia na zona porque, segundo aseguran, moitos dos ocupantes non respectan as medidas sanitarias obrigadas pola pandemia.

Noticias web

26/08/2020