CRTVG

Buscar

Obradoiro práctico de seguridade viaria para nenos en Poio

Publicado o 29/04/2019 14:02

Circular no sentido correcto, respectar os semáforos ou aprender a desprazarse nunha rotonda son algunhas das habilidades que adquiriron esta mañá os alumnos de varios colexios de Poio. Participan nun curso sobre seguridade viaria impartido pola Policía Local.

As primeiras voltas foron as máis problemáticas. Entre a euforia dunha clase práctica ao aire libre e as présas por percorrer o circuíto completo, condutores e peóns cometeron máis dunha infracción e levaron algunha reprimenda, que non multa, dos axentes da Policía Local.

Mesmo houbo algún accidente, afortunadamente de escasa importancia.

A cousa foi mellorando conforme avanzaba a mañá e cada un íase metendo no papel que lle correspondía. Uns como peóns e outros como condutores.

A actividade vai dirixida a estudantes dos distintos colexios de Poio. Estes, concretamente, son de Combarro. Teñen dez-once anos e de aquí sairán coas nocións básicas para velaren pola súa propia seguridade e pola do resto dos usuarios da vía. Segundo explica un dos axentes da Policía Local que imparten o curso, José Martínez: "Practicamos de todo. Facemos de condutores, de peóns... O que pretendemos é que se familiaricen cos sinais e que se comporten como bos condutores o día de mañá".

Agora só falta que o leven á práctica.

Noticias web

29/04/2019