CRTVG

Buscar

O xurado libra a Pablo Ibar da pena de morte pero condénao a cadea perpetua

Publicado o 23/05/2019 07:56

• A sentenza será recorrida para a celebración dun novo xuízo

• Ibar non volverá ao corredor da morte

Pablo Ibar foi, finalmente, condenado a cadea perpetua. O español líbrase da pena de morte e a súa defensa anuncia que recorrerá a decisión do xurado. A acusación non pode volver pedir a pena máxima. 

Entre a morte ou pasar o resto da súa vida en prisión, Pablo Ibar tivo sorte. Salvou a vida. A condena a cadea perpetua sábelle á súa familia a vitoria. "É un triunfo", dicía o seu pai á saída da vista de onte.

O español non volverá ao corredor da morte, no que xa pasou 16 anos dos 25 que leva preso. Ten 47 anos e comeza a partir de aquí un longo proceso que pode durar anos. Atopado culpable dun triplo asasinato cometido en 1994, a súa defensa anuncia que vai recorrer ante o Tribunal de Apelacións do Cuarto Distrito da Florida para lograr que se repita o xuízo, demostrar a súa inocencia e, nun futuro, acabar exonerándoo.

Na xornada de onte, a avogada da Fiscalía volveu mostrarlles ás oito mulleres e catro homes do xurado antes de saíren deliberar as probas contra Ibar, incluído o vídeo da cámara de seguridade da casa dunha das vítimas, que foi o que levou o xurado a declaralo culpable o 19 de xaneiro.

Tras deliberar algo máis de dúas horas, o xurado tomou a decisión: aínda que hai circunstancias agravantes, recomendan ao xuíz a cadea perpetua. Para a pena capital, debía haber unanimidade entre o xurado, e non a houbo.

A defensa de Ibar denunciará na apelación que o xurado non puido ver unha serie de testemuños, peritaxes e probas que o xuíz Bailey non permitiu, ao que culpan ademais de ser parcial e de escorar clamorosamente a favor da fiscalía. A acusación xa non pode volver pedir a pena de morte para Ibar.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/05/2019