CRTVG

Buscar

Culpable por unanimidade o acusado do crime da rozadoira

Publicado o 03/04/2019 13:53

• Cúlpano de matar o seu veciño e intentar asasinar a filla

• Agora será a presidenta do Tribunal a que teña que ditar sentenza

Xa hai veredicto no caso do crime da rozadoira e é de culpabilidade. O xurado considera por unanimidade que José Luis Vieitez matou o seu veciño no coñecido como crime da rozadoira e intentou matar tamén a filla. 

Os membros do xuardo popular cren que ás vítimas non lles deu tempo de defenderse da agresión. O veredicto é unánime. 

Agora será a presidenta do Tribunal, a maxistrada, a que teña que ditar sentenza de acordo cos feitos que o xurado considera probados. A Fiscalía mantén a petición de 18 anos de prisión para José Luis Viéitez por un delito de asasinato do veciño cunha rozadoira e outro en grao de tentativa da filla en xuño de 2017.

O acusado, segundo certifica o xurado, sentiu "medo" pola mala relación que mantiñan ambas as partes, que mesmo se cruzaron denuncias por agresión, e atacounos coa rozadoira "sabendo que con ela podía matalos" e coa intención de facelo ou, polo menos, tentalo. Consideran que o falecido "non puido defenderse" da agresión, xa que nun primeiro ataque cortoulle o nariz e provocoulle feridas na cara, polo que cando este tratou de fuxir non logrou escapar porque "non era capaz de ver ben nin de respirar". Foi entón cando, engade o xurado, o acusado o cortou nos brazos e, cando a vítima xa non puido protexerse máis, asestoulle un golpe na cabeza que resultou "mortal de necesidade", falecendo posteriormente nun hospital de Vigo.

Con respecto á filla deste, pola súa banda, o xurado considera probado que a rozadoira lle amputou un dedo e lle ocasionou graves feridas na cabeza e nas costas, aínda que cre que ela si que puido defenderse xa que, en lugar de coller o seu móbil para gravar a agresión, "puido facer outra cousa" ou ben escapar.

Unha vez escoitado o veredicto do xurado, o fiscal solicitou para José Luis Viéitez unha pena de 18 anos de cárcere por un delito de asasinato e un delito de lesións con deformidade, mentres que a acusación particular a eleva a 31 anos, aceptando ambos a atenuante do trastorno mental do acusado. A defensa, con todo, considera que o seu cliente debe ser condenado a só cinco anos de prisión por un delito de asasinato e por un delito de homicidio en grao de tentativa, aplicando a pena mínima para ambos os supostos e rebaixándoa en dous graos pola condición psicolóxica que presentaba o acusado o día do crime.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/04/2019