CRTVG

Buscar

O xurado declara culpable o acusado de matar a súa muller no Carballiño

Publicado o 10/07/2019 22:43

• José Alén vai eludir cumprir pena de prisión pola demencia que padece

O xurado declara culpable o acusado de matar a súa muller no Carballiño

O xurado popular no caso da morte da muller no Carballiño en xaneiro de 2017 declarou, por unanimidade, culpable o acusado, José Alén, por un delito de homicidio, aínda que coa eximente completa por enfermo mental que lle permite eludir cumprir pena de prisión.

Tres sesións despois de que se constituise o xurado para xulgar este home, os nove membros que compoñían o tribunal popular leron este mércores a súa resolución na Audiencia Provincial de Ourense. "Culpable por unanimidade", sentenciaron. O xurado tamén se amosou contrario á petición de indulto.

Considerou acreditado que "nunha hora non concreta entre as nove e as doce da mañá" do día 29 de xaneiro de 2017, o acusado "causou a morte violenta da súa dona Virginia Ferradás, tras unha discusión para o cal usou o cable da lámpada" e as súas propias mans e apretoulle o pescozo ata matala "por asfixia".

Pese a ese veredito, os integrantes do xurado tiveron en conta as circunstancias modificativas que propoñían as tres partes, tanto as dúas acusacións como a defensa, pola súa situación mental. En concreto, tivo en conta que pacede unha enfermidade neurodexenerativa, que segundo apreciaron os forenses provoca "un deterioro moi grande das funcións cerebrais, rixidez e falta de flexibilidade do pensamento e da conduta".

Tras escoitar o veredito, fiscal e acusación particular solicitaron que se lle aplique como medida de seguridade o internamento psiquiátrico nun centro psiquiátrico penitenciario durante un periodo "máximo de catorce anos" sen prexuizo de que se adopten outro tipo de medidas unha vez se valore a súa situación. 

A defensa discrepou con esta medida e pediu unha "menos traumática" para a familia, que pasaría polo seu ingreso nun xeriátrico especializado.