CRTVG

Buscar

O xurado declara o Chamaco culpable do asasinato da súa muller

Publicado o 18/10/2019 14:09

Xosé Manuel Carballo Neira, alias o Chamaco, escoitou como a voceira do xurado popular lía o veredicto que o considera culpable do asasinato da súa esposa, Ana Gómez Nieto, en febreiro de 2016. O xurado tomou a decisión por unanimidade. Ademais, tamén foi declarado culpable por unanimidade dun delito de ameazas contra a falecida e por maioría doutro delito de maltrato contra o fillo de Ana Gómez, que resultou ferido pola mesma bala que matou a súa nai. A acusación particular amosábase satisfeita polo veredicto, xa que confirma as teses que os representantes legais dos fillos, a irmá e a nai de Ana Gómez defenderon durante o xuízo. Agora esperan que a condena sexa conforme á gravidade dos feitos.

"Agora xa hai veredicto e toca agardar a que se fixen as condicións da sentenza. Pero cremos que o xurado expresou conformidade coas teses desta acusación".

O xurado considerou que Xosé Manuel era plenamente consciente dos seus actos cando disparou contra a súa muller e mesmo que planificou os feitos tal como se produciron. A fiscalía solicita para o Chamaco unha condena de 25 anos de cadea polo delito de asasinato, outra de dous anos polo delito de ameazas e unha terceira dun ano polo de maltrato. Ademais, solicita indemnizacións para os membros da familia de Ana Gómez por valor de máis de 150.000 euros. Pola súa banda, a defensa pide que se rebaixen as condenas a 20 anos polo delito de asasinato e a seis meses por cada un dos outros dous. Agora haberá que agardar a que o xuíz fixe a condena definitiva.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí