CRTVG

Buscar

O xurado declara culpable de asasinato o acusado do crime de Ponte Caldelas

Publicado o 18/10/2019 21:25
O xurado declara culpable de asasinato o acusado do crime de Ponte Caldelas

Un xurado popular declarou por unanimidade culpable dun delito de asasinato coa agravante de aleivosía e asañamento a Marcos Vidal González, acusado de matar a coiteladas en Ponte Caldelas (Pontevedra) o marido dunha muller coa que mantivera unha relación sentimental. Os membros do xurado xulgaron, así mesmo, que na gradación da pena, que a Fiscalía insistiu en fixar en 20 anos de prisión, por 23 que piden as acusacións particulares, se teñan en conta as atenuantes de confesión e dilacións indebidas, pero descartan que houbese ofuscación.

Consideran probado que o acusado tirou a vítima ao chan, inmobilizouna co xeonllo e atacouna cunha navalla co propósito de acabar coa súa vida, e que lle propinou máis coiteladas das necesarias para causarlle máis dor. O avogado da defensa, que solicita que o acusado sexa condenado a dez anos e un día, pediu que se deduza testemuño á esposa da vítima por un delito de falso testemuño. A familia da vítima, pola súa banda, pide o mesmo ao considerar que mentiu no xuízo, e instou a que reabra a investigación que no seu día pechou o xulgado de instrución pola súa posible relación co crime.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí