CRTVG

Buscar

O xurado considera culpables do asasinato de Sara a nai e a súa ex-parella

Publicado o 25/05/2019 14:25

Veredicto do xurado popular: considera culpables do asasinato da pequena Sara en agosto de 2017 a nai da menor e o que naquel momento era a súa parella. O xurado sinálao a el como autor material da violenta malleira que recibiu a nena, de só catro anos. A nai responsabilízana por omisión, ao non protexer a pequena duns malos tratos que ela sabía que se estaban producindo dende tres semanas antes da morte.

O xurado formado por catro mulleres e cinco homes levaban deliberando desde o mércores pola tarde despois dun xuízo que durou un mes. Por unanimidade consideran culpables os dous acusados, Davinia Muñoz, nai da pequena Sara de catro anos, e a súa parella, Roberto Hernández, de dar morte intencionada á pequena, de maltratala habitualmente e no caso del de agredila tamén sexualmente.

Feliciano Trebolle, o maxistrado que presidiu a sala, ditará senteza nuns días en base ao veredicto do xurado popular. O xuízo oral durou catro semanas. O día en que testificaron os forenses foi a porta pechada porque exhibiron fotos da autopsia que os maxistrados consideraron demasiado crúas. O veredicto, ao longo de 138 preguntas e respostas, deixa claro que a pequena comezou a vivir a violencia cando o mozo da nai se trasladou a vivir con elas.

En consonacia coa conclusión do fiscal, a nai mirou cara a outro lado para preservar a súa nova relación e non protexeu á filla. No xuízo tamén se evidenciou que Roberto Hernández, o asasino, maltratador e violador de Sara, membro dun grupo neonazi, odiaba a nena por ser romanesa por parte do pai. As acusacións e a Fiscalía pediron para os dous prisión permanente revisable.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/05/2019