CRTVG

Buscar

Crime dos tirantes: o xurado declara a Lanza culpable de asasinato por ideoloxía

Publicado o 17/09/2020 16:53
Crime dos tirantes: o xurado declara a Lanza culpable de asasinato por ideoloxía

O xurado considerou por maioría de oito a un a Rodrigo Lanza culpable do asasinato de Víctor Laínez en decembro de 2017 nun bar de Zaragoza, e determinou pola mesma maioría que a agresión se produciu sen que a vítima puidese defenderse e que foi por motivos ideolóxicos, aínda que descarta o asañamento.

Así, o tribunal popular acepta as versións da fiscalía e as acusacións e rexeita a versión dada por Lanza no xuízo, quen manifestou que actuou movido polo pánico pensando que Laínez o ía atacar cunha navalla, e que o primeiro golpe deullo de fronte.

Os nove xurados, que levan deliberando desde a tarde do martes, contestaron as 45 preguntas que lles expuxo a xuíza María José Gil, e consideraron probado que Lanza golpeou fortemente co puño a parte inferior traseira da cabeza de Laínez, tras o que este caeu inconsciente.

Por unanimidade determina o tribunal popular que cando a vítima estaba no chan Lanza deulle unha patada na cabeza, colocóuselle encima e seguiu propinándolle puñadas na cara, tras o que lle deu unha última patada moi forte na cabeza e saíu do local.

O xurado, ademais, considera probado por unanimidade que a vítima non levaba unha navalla, como Lanza argüiu no xuízo para demostrar que actuara movido polo pánico, e que a causa da morte foron os severos traumatismos cranioencefálicos que lle provocaron unha parada  cardiorrespiratoria, así como que non se defendeu.

Por tanto, descarta o tribunal popular a versión do acusado, e non considera probado que Lanza oíse os berros do seu amigo advertíndolle de que Laínez levaba unha navalla, que a vítima tentase agredirlle con ela e que a agresión se producise de fronte.

Como agravantes o xurado acepta que o acusado actuou por motivos ideolóxicos, baseándose en que un amigo lle advertira previamente da condición de extrema dereita ou neonazi da vítima, e a aleivosía, tendo en conta que non tivo posibilidade de defenderse.

Ante este veredicto, a fiscalía e as acusacións cualificaron os feitos de asasinato con aleivosía e coa agravante de motivos ideolóxicos, e a atenuante de influencia leve do alcol.

A fiscalía pediu 20 anos de prisión e 150.000 euros de indemnización, que as acusacións particular e popular elevaron a 25 anos cunha indemnización para os herdeiros legais de Laínez de 500.000 euros.

Pola súa banda, a defensa recorreu a defectos de forma nalgúns dos puntos do obxecto do veredicto e considerou que non se pode considerar a aleivosía nin os motivos ideolóxicos porque as preguntas relativas a estes agravantes non estaban ben formuladas.

Por iso, a xuízo do avogado Endika Zulueta, non hai asasinato, senón en todo caso homicidio, pero como non se lle preguntou por iso ao xurado, solicitou unha pena de 2 a 5 anos por lesións con resultado de morte. A maxistrada María José Gil deberá agora redactar a sentenza.