CRTVG

Buscar

O xuízo sobre a titularidade do pazo de Meirás comezará o 6 de xullo

Publicado o 31/01/2020 19:49

O xuízo pola titularidade do pazo de Meirás comezará o 6 de xullo. Na vista previa celebrada hoxe na Coruña non houbo acordo entre as partes. A xuíza desestimou as alegacións complementarias da familia Franco sobre a propiedade que o Estado reclama para o patrimonio público.

Era de Pardo Bazán e a súa herdeira vendeuno dúas veces. No ano 38 á Xunta pro pazo por 400.000 pesetas, de cartos públicos e recadacións forzosas. Tres anos despois, no 41, ao propio Franco por 85.000. O ditador obtivo asi un documento co que inscribilo no rexistro da propiedade.

Pero ese documento convértese agora na principal baza da Avogacía do Estado na reclamación: houbo unha segunda compravenda simulada e polo tanto nula, alega. A outra baza é o uso público que se lle deu ao pazo durante a ditadura.
"A adquisición do pazo de Meirás foi realizada para un fin público como residencia estival do xefe do Estado e que a entrega ao xefe do Estado se fixo pola súa condición de xefe do Estado e non como persona física", asegura o avogado do Estado, Javier Suárez.

Non será doado demostrar que Meirás é titularidade pública, como se ven reclamando cunha morea de iniciativas desde hai anos, pero hai certo optimismo entre os que apoian a demanda.
"Un procedemento tan complicado ningunha proba por si soa é decisiva, polo tanto será o conxunto de probas", di Suárez.
"Coido que demos un paso máis para a recuperación da dignidade é que o pazo poida ser por fin patrimonio público", sostén Benito Portela, alcalde de Sada.

Á demanda do Estado sumáronse a Xunta e os concellos de Sada e A Coruña. De momento os Franco seguen tendo o pazo de Meirás á venda por 8 millóns de euros.

Noticias web

31/01/2020