CRTVG

Buscar

César Adrio espera o veredicto do xurado popular polo asasinato de Ana Enjamio

Publicado o 19/12/2019 10:14

As acusacións ven "indubidable" a culpabilidade de César Adrio, xulgado como presunto autor do asasinato da moza enxeñeira Ana Enjamio (ocorrido en Vigo na madrugada do 16 ao 17 de decembro de 2016), e tacharon de "inverosímil" a súa versión dos feitos.

Así o trasladou a fiscala durante a exposición do seu informe final ante o tribunal de xurado que debe xulgar estes feitos, e que escoitou o propio acusado, así como a decenas de testemuñas e peritos, na vista celebrada nos últimos días na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede na cidade olívica.

A representante do ministerio público pediulle ao tribunal popular un veredicto de culpabilidade, tendo en conta que "hai probas suficientes" para considerar que César Adrio acabou coa vida da vítima porque "non aceptou o fin da relación" con ela. Segundo lembrou, numerosas testemuñas confirmaron que o acusado estaba "obsesionado" con Ana, e someteuna a unha "fustrigación" durante meses, en que a seguía, ameazábaa con "montar escándalo" se ela non aceptaba velo, e mesmo enviaba mensaxes ao seu ex-mozo, Samuel, (co que Ana volvera a retomar o contacto) para poñelos a mal.

A fiscala, quen recalcou que "non se está xulgando a Ana por ter dúas, tres ou vinte e cinco relacións, porque iso é algo persoal e non un delito", remitiuse a probas como a aparición de sangue da vítima no coche do acusado, ou ás declaracións dunha testemuña que asegurou que César mantiña que Ana non estaría con el, "pero con Samuel tampouco". Tamén considerou incriminatorios outros feitos, como que César non entregara á Policía a roupa que vestía na noite do crime, a actitude "fría" do acusado cando declarou en Comisaría ou cando lle comunicaron a morte de Ana, ou a nota de suicidio na que pedía perdón á vítima e dicía "Non o puiden soportar".

A representante do ministerio público cualificou de "inverosímiles" as explicacións e argumentos dados polo acusado no xuízo e recalcou que, ao longo da instrución, non achegara eses argumentos. "Pasou 4 veces polo xulgado e nunca contou nada disto, e témolo que crer tres anos despois, que ten coartada", ironizou a fiscal. Segundo subliñou, esas "escusas" convértense en algo "patético" cando se trata de xustificar a aparición de sangue de Ana no coche do acusado, xa que a defensa sostén que ese sangue puido transferirse nalgunha das ocasións en que ambos mantiveron relacións sexuais no vehículo, tendo Ana a menstruación.

Ademais, esta parte considera probado o ensañamiento e a aleivosía no crime, posto que Ana "foi cosida a coiteladas", sen ter posibilidade de defenderse, e morreu "da forma máis atroz". "Ana non podía imaxinar que César a ía a atacar desa maneira (...)Imaxínanse o seu terror nese momento?", aseverou.

Acusación particular

Na mesma liña, o letrado da acusación particular indicou que, aínda que nunca apareceu a arma do crime, nin o teléfono da vítima, nin a roupa que levaba o acusado esa noite, "todas as pezas encaixan como un quebracabezas e apuntan na mesma dirección: a culpabilidade" de César Adrio. Segundo destacou, tras os episodios de acoso pola súa "obsesión enfermiza", a noite do crime, cando abordou a Ana no seu portal, ela "pensaba que era unha de tantas, e non se imaxinou que ese día a ía a matar". "Pido que o declaren culpable, que se faga xustiza e que non salga gratis. Protexan a calquera outra Ana que se poida cruzar no camiño deste individuo", reclamou ao xurado.

"Violencia de xénero de manual"

A letrada da Xunta, que exerce a acusación popular, tamén sinalou a culpabilidade do acusado e recalcou que "non había nada de normal" na súa relación coa vítima. "Di que non puido matar amuller da súa vida, pero é que a violencia de xénero é iso. Hai amores que matan", recalcou. Segundo expuxo na súa alegación final, este caso foi un crime de violencia de xénero "de manual", en que o acusado "é misóxino e machista" como, na súa opinión, demostrou ao referirse á súa relación con Ana e á súa separación matrimonial coa frase "cambiei un Seiscentos por un BMW".

A ese respecto, esta avogada lembrou que "hai homes que consideran que a muller é da súa propiedade, e que non as queren, senón que as adquiren, coma se fosen un coche", e afirmou que "non hai outra explicación" que a violencia machista para este crime.

Caso Wanninkhoff 

Pola súa banda, o letrado de César Adrio (que renunciou ao seu dereito a dicir a última palabra na vista, argumentando que xa fora "suficiente") comezou a exposición do seu informe final lembrando aos membros do xurado o ocorrido no ano 1999 na localidade malagueña de Mijas, cando a moza Rocío Wanninkhoff apareceu morta, e meses despois foi detida como presunta responsable as galega Dolores Vázquez. A detida foi condenada e, case un ano despois de entrar en prisión, demostrouse a súa inocencia.

O avogado puxo o que cualificou como "un dos maiores erros xudiciais" ocorridos en España como exemplo do resultado da "presión mediática" e dun xurado "que decidiu en base ás aparencias". "Aquí as aparencias apuntan a César, e a prensa xa expresou a súa opinión condenatoria", advertiu."O avogado argumentou que non hai probas directas nin indicios sólidos que apunten ao seu defendido, máis aló de declaracións de "testemuñas hostís" que reflicten a imaxe que a propia vítima lles trasladou acerca da súa relación.

A ese respecto, cuestionou a credibilidade non só desas testemuñas (incluídos policías), senón tamén dos peritos (lamentou que as forenses "non cumpriron a súa obrigación de imparcialidade") e da propia vítima, sobre a que afirmou que, a noite do crime, tivo un encontro sexual con César nun baño, pero negouno e deu outra versión "para manter o seu prestixio social e laboral". Na súa opinión, onde realmente se reflicte "a verdade" é nas mensaxes e no tráfico de chamadas entre ambos que, recalcou, demostran que había unha relación, mesmo despois da ruptura de verán.

Segundo a defensa, a pesar dos altibaixos, acusado e vítima mantiñan esa relación até o día do crime, e "estaban a vivir unha auténtica paixón", cunha "atracción física irresistible". Así, mantivo que aínda que César "insistía" en estar con Ana, esta "aceptábao, polo tanto, non había acoso". tras criticar que toda a investigación dirixiuse á incriminación do seu patrocinado, advertiu de que este caso funcionou como "unha profecía autocumplida". "Elixiuse un culpable, e todo o demais fíxose para que encaixase nesa hipótese inicial", lamentou, e lembrou que houbo posibles liñas de investigación que non se exploraron. 

O xurado comeza a deliberación

Tras entrega do obxecto de veredicto, o xurado (formado por 4 mulleres e 5 homes) quedou reunido e incomunicado na tarde deste mércores para a deliberación. A Fiscalía e a acusación popular piden 27 anos de cárcere para César Adrio, polos delitos de asasinato e acoso; mentres que a acusación particular eleva a petición de penas a 32 anos de prisión, ao incluír o delito de vulneración da intimidade. A defensa reclama a libre absolución.