CRTVG

Buscar

O xuíz Vázquez Taín cre que a solución ao caso Fuenlabrada debe ser "pactada"

Publicado o 02/08/2020 14:47

Vázquez Taín dixo no programa Galicia en goles que a inseguridade xurídica podería cancelar a próxima temporada

Os feitos acontecidos o pasado día 20 non admiten dúbida. Para o xuíz Xosé Antonio Vázquez Taín, o Deportivo ten todas as de gañar nos xulgados. 

"Iso está tan xustificado que penso que calquera xuíz do contencioso administrativo dirá que si se infrinxiu, que non todos xogaron igual e, polo tanto, hai que repetir a xornada. Volvemos ao mesmo, Cando se diga iso, a liga xa comezou".

Por iso, para Vázquez Taín só cabe unha solución máis política que xurídica, tal e como afirmou no programa Galicia en goles. "Gústelles ou non, gústenos ou non, isto pasa por unha saída pactada. Eu coido que para os afeccionados, tanto os nosos como os do Fuenlabrada e os outros equipos implicados, é que non descenda ningún dos afectados".

E é que a inseguridade xurídica podería levar por diante a próxima temporada. Para Xosé Antonio Vázquez Taín, "ou se busca unha saída consensuada no eido deportivo ou se non no eido xurídico ao mellor nos atopamos con que teñamos que volver comezar unha liga ou que teñamos que cambiar na metade dunha liga os membros da mesma e eso pode ser moi difícil de cumprir".

O proposta está feita por parte da Federación e falta a resposta da liga, e sobre todo o que decidan os clubs en asemblea. Hai discripancias xurídicas sobre quen ten a última palabra, se liga ou Federación. Expertos consultados pola Televisión de Galicia apuntan que o convenio entre os dous organismos esixe un acordo para modificar as condicións actuais, que falan de 22 equipos e 4 descensos. O convenio está vixente ata 2024. Aínda así, a loita polas competencias entre a Liga e Federación é total e dificulta un pacto que podería forzar o Consello Superior de Deportes, tal e como fixo para a reanudación da competición.

Mentres, o conflito de intereses medra nos clubs. O Elxe presentou un comunicado esta mañá en que esixe unha solución inmediata e no que carga duramente contra o Fuenlabrada ao que, lembren, loou hai sete días, cando o equipo madrileño semellaba deixar vía libre.

Máis anuncios. O Estremadura irá á xustiza ordinaria se se aproba a liga de 24. Semella que cada vez será máis difícil atopar puntos en común.

Noticias web

02/08/2020