CRTVG

Buscar

O xuíz pecha a instrución de Angrois co maquinista e un cargo de Adif investigados

Publicado o 13/03/2019 21:09

• Atribúelles 80 supostos delitos de homicidios e 144 de lesións

 

O Xulgado de Instrución número 3 de Santiago de Compostela rexeitou os recursos presentados contra o auto en que dá por finalizada a investigación do accidente de Angrois. O maxistrado, polo tanto, mantén que a causa se siga contra o maquinista do tren e o director de Seguridade na Circulación de ADIF. A ambos se lles atribúen 80 supostos delitos de homicidio e 144 de lesións por imprudencia profesional grave, ao primeiro por circular despistado e ao segundo por unha análise de riscos deficiente.

O xuíz desestimou na resolución notificada hoxe as solicitudes das acusacións e defensas e confirmou o sobresemento provisional e arquivamento da causa respecto aos outros cinco investigados: o director de Circulación de Renfe, o xerente da área de Seguridade na Circulación do Noroeste de ADIF e tres técnicos de Ineco. 

O auto, ademais, rexeita a solicitude da defensa do maquinista do tren para que se arquive a causa contra el. O instrutor salienta que da investigación se deduce que "incumpriu a súa obriga esencial: respectar o cadro de velocidades máximas, e iso xerou un resultado catastrófico".

"O feito de que outros responsables de ADIF incumprisen tamén, presuntamente, a súa obriga de realizar unha correcta avaliación dos riscos que puidese comportar melloras na infraestrutura ou no subsistema de control, mando e sinalización, non exclúe a responsabilidade do maquinista nin o exonera da súa presunta responsabilidade na causación do sinistro, pois, se respectase o cadro de velocidades que tiña á súa disposición, tal e como fixo en múltiples ocasións anteriores en que circulou por ese mesmo punto, o accidente non se produciría”, recalca o xuíz instrutor.

O instrutor acordou a suspensión do trámite de cualificación e de resolución de petición de dilixencias complementarias ata que o auto, que pode ser recorrido ante a Audiencia Provincial da Coruña, sexa firme.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/03/2019