CRTVG

Buscar

O xuíz decreta segredo de sumario para o home que matou a nai e conviviu co cadáver dez días

Publicado o 25/09/2019 13:57

O xuíz decretou segredo de sumario para o caso do home detido en Arenys de Mar, en Barcelona, acusado de matar a súa nai e convivir dez días co cadáver. Do pouco que se sabe da investigación é que o home puxo á venda o contido do piso pola rede e mesmo se cre que chegou a ensinar a vivenda para alugala co cadáver da súa nai dentro.

Segundo os primeiros indicios, o home puido matar a súa nai o pasado 11 de setembro, porque foi ese día cando a familia asegura que a muller deixou de responder o teléfono.

Ademais unha veciña alertou de que non estaba indo a traballar polo que avisaron os Mossos que o domingo á noite se presentaron no piso, situado na localidade barcelonesa de Arenys de Mar.

Cando entraron nel, o fillo da vítima, duns 40 anos, fuxiu saltanto polo patio pero foi detido pouco despois na rúa.

Os axentes atoparon no interior da vivenda o corpo sen vida da muller.

Durante máis de dez días, o fillo conviviu co cadáver e neste tempo sóubose que puxera á venda na Rede o contido do piso e algunhas pertenzas da nai, unha muller de 67 anos e directiva dunha empresa téxtil.

A investigación trata de aclarar tamén se o fillo chegou a ensinar a vivenda para alugala, co corpo da nai morta agochado no cuarto.

 

Noticias web

25/09/2019