CRTVG

Buscar

O xuíz da Kitchen ordena un acareo entre Fernández Díaz e o seu exnúmero 2

Publicado o 03/11/2020 14:20
O xuíz da Kitchen ordena un acareo entre Fernández Díaz e o seu exnúmero 2

O maxistrado da Audiencia Nacional Manuel García Castellón acordou un acareo entre o exministro do Interior Jorge Fernández Díaz e o seu exnúmero dous Francisco Martínez ante as diverxencias entre as súas declaracións sobre a suposta operación de espionaxe ao extesoureiro do PP Luís  Bárcenas.

O maxistrado que investiga a peza Kitchen, enmarcada dentro do caso Villarejo, emprazounos ao próximo 13 de novembro a que acodan de novo á Audiencia Nacional, onde prestaron declaración como investigados a semana pasada.

Ambos achegaron diferentes versións sobre ese suposto operativo parapolicial de espionaxe a Luís  Bárcenas en busca, presuntamente, de documentos comprometedores para dirixentes do PP e pago con fondos reservados.

Por unha banda, o exsecretario de Estado de Seguridade, tras rexistrar ante notario unha serie de mensaxes de texto que supostamente se cruzou con Fernández Díaz, dixo que o exministro estaba ao tanto do dispositivo, aínda que matizou que non se lle chamou Kitchen e que el considerou que eran actuacións legais en busca das contas ocultas de Bárcenas no estranxeiro.

Ao día seguinte o exministro negou coñecer esa suposta operación de espionaxe, asegurou que non eran seus as mensaxes que lle atribuía o seu número dous, e negou tamén que lle pedise a Martínez que confirmase se o chofer de Bárcenas, captado como confidente, era colaborador policial, como o exsecretario de Estado dixera a véspera.