CRTVG

Buscar

O xabaril arrasa leiras en Santiago

Publicado o 30/08/2019 13:23

Desde fóra da plantación de millo xa se aprecian os estragos causados por unha manda de xabarís, pero cando entramos na leira decatámonos que a destrución é total. Os porcos bravos fozaron a eito. 

María Jesús Otero, gandeira: "Tal e como está o millo falta un mes para recollelo. Se nunha semana fixo este estrago, nun mes non vai haber que recoller. A ver que comen os animais o resto do ano". 

María Jesús traballa cinco hectáreas repartidas en sete leiras na súa aldea de Folgoso, en Santiago. Cultiva cereal para cebar o seu gando, trinta cabezas de raza rubia galega. 

"Non estou en contra do xabaril nin do lobo, pero temos que vivir todos. Nós non podemos manter eses animais, chéganos con manter os nosos". 

Asegura que pasa traballos e gastos e non consegue espantar o xabaril. Séntese impotente. Os porcos bravos entran nas leiras abertas, pero tamén nas que están pechadas forzando os valados.

"Plantamos as patacas en marzo e desde abril todos os días ataques. Case non recollemos patacas pola desfeita. Sementamos o trigo e o mesmo. Da cebada recollemos a metade da colleita e agora, que falta un mes para recoller o millo, levamos unha semana que a este paso non deixa un gran na leira".

Quéixase de que deu parte a Medio Ambiente e que ata agora non se presentou ninguén para avaliar estes estragos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

30/08/2019